O Monte Neme, un dos lugares máis importantes de Galicia na II Guerra Mundial
Separando os concellos de Carballo e Malpica o Monte Neme, é unha das grandes elevacións referenciais de Galicia. Con presencias prehistóricas como un gran círculo lítico ou Eira das Meigas, castrexas, lendas e tradicións, é sendo protagonista da Segunda Guerra Mundial polas súas minas de Volframio, o Monte Neme é un dos lugares do territorio bergantiñán que máis nos contan da nosa historia e da nosa tradición popular. Mais o monte estivo por moito tempo sen voz, esquecido polas administracións e saqueado polas propias empresas mineiras. Agora a Plataforma Pola Defensa do Monte Neme quere que o vello monte recupere o seu merecido protagonismo.
E é que a Plataforma á que están adheridas dez asociacións, como Nemeth, Senda Nova, Torre Vixía, Petón do Libro, Cova Crea ou San Campío, puxo en marcha nos últimos días o programa Ecos do Nemio, un ciclo de actividades que teñen por obxectivo poñer en valor, divulgar e protexer o patrimonio natural, material, inmaterial e paisaxístico do monte, e en particular o relacionado co volframio. Pretende, en palabras do portavoz da Plataforma, Adrián Eirís, ser un punto de comezo de actividades e programas para a recuperación da memoria e documentación do pasado do monte.
Así foi precisamente con esta intención coa que o pasado día 9 presentáronse dous importantes ciclos de actividades que farán deste novembro o mes do Monte Neme. Pois entre o 14 e o 18 tivo lugar a Semana do Volframio, con diferentes actividades nas parroquias da zona, como programas de radio, conversas, a proxección dun filme ou encontros cos antigos traballadores da mina. Mentres os días 23 e 24 terán lugar as Xornadas do Monte Neme, con diferentes palestras no Espazo da Natureza de Oza, no Centro Social ou no Casino de Carballo.

Eira das Mouras, no monte Neme / Íñigo Mouzo
A Semana do Volframio comezaba cun programa de radio monográfico sobre o monte emitido por Radio Cerceda e coa proxección do filme Minas da Borralha. O prato forte foi a conversa con antigos traballadores da mina, no Espazo da Natureza, unha vez rematado o filme. O venres, houbo unha conversa con Xan Fraga, baixo o título Bergantiños, capital do volframio, mentres que o sábado, ademais dun encontro interxeracional entre antigos traballadores da mina e os cativos da Escola Ambiental, fíxose un magosto animado cunha foliada. O domingo 18 celebrouse o Día Mundial do Patrimonio cun roteiro polo monte e unha visita á Eira das Meigas.
Unha semana despois, nas xornadas, o monte volverá á radio cun programa de divulgación científica este venres 23 que terá como invitados a José Manuel Menéndez, José María de la Viña, Victor Barrientos e Juan Ramón Vidal Romaní. O venres 24 terán lugar as palestras, con charlas coma as de Ana Varela, cunha visión feminina sobre os montes Ginedo e Neme, Xiao Pujol-Solano, presentando o seu traballo sobre A paisaxe como estrutura narrativa ou Alfonso Javier Canosa Rodríguez que xunto coa asociación veciñal Monte Vixía e a propia Plataforma, presentarán o estudo de mapeado colaborativo Microtoponimia de Oza e Monte Neme. Tamén se fará unha Reflexión sobre o futuro e o pasado do Monte e se debaterá sobre os efectos da actividade mineira coa Rede contra a Minería Destrutiva na Galiza.

Actividades mineiras no monte Neme / Íñigo Mouzo Riobó