fbpx
Cova dos mouros, en Becerreá, nos Ancares / Xabier Moure

Os buracos dos mouros… e os tesouros do pasado e do presente

Tempo de lectura: 4 min.

Por Óscar Pazos

Temos centos, poida que milleiros de buratos mineiros antigos en Galicia, moitísimos máis na vella Gallaecia, entre o Douro e o Esla o río dos ástures. Estas covas, grobias, fundas, caborcos, foxos, lagoas, pozos, regos, xirias, furados e montefurados son a pegadas máis evidentes dos grandísimos traballos arrostrados para apañar o ouro das rochas, solos e sedimentos. De algúns poucos sitios, moi poucos, temos un coñecemento polo miudo da xeoloxía asociada e isto axúdanos moito a interpretar o sentido das cavadas. Isto pasa, por exemplo, nos Buracos dos Mouros, na serra da Groba, onda os foxos disponse paralelos de leste a oeste, furando feixes de filóns mineralizados. Como é lóxico, as laborías concéntranse na zona máis rica en ouro, e alí os foxos xúntanse máis entre eles, e os mineiros galaico-romanos abriron unha corredoira de acceso corgueiro abaixo dos foxos para se mover por eles e desbotar os ciscallos cara a dúas pequenas regueiras naturais que por alí atravesan a mina. Este conxunto de foxos unidos pola corredoira é o que se coñece coma Buracos dos Mouros, malia que outros foxos menores, as veces case que impercetíbeis e polo común illados uns doutros, proban que as laborías se espallaron quilometros cara o norte e o sur.

Depósitos atopados nun antiga zona mineira onde se pode observar un muíño / Oscar Pazos

Aguas abaixo dun dos regos que corta Os Buracos chamado do Estripeiral Grande, o arqueólogo Gustavo Pascual atopou dous muiños rotos, un navicular e outro de tipo romano, usados para moer o xabre e a rocha e poder sacar o ouro, un traballo tan grande ou máis que cavar a propia mina. E é que o ouro está incrustado entre os minerais ou mesmo dentro destes, coma lasquiñas de purpuriña no xeo, e para as liberar hai que facer coa pedra un pó tan fino coma as propias lasquiñas, e se o mineral que inclúe o ouro é un sulfuro, pirita, arseonopirita ou calcopirita, coma sucede nestes montes, mesmo compre cocelo no forno para enferruñar os sulfuros e poder sacar até a última pinga de ouro. Polo momento, non se localizou ningún destes fornos na zona, nin tampouco se localizaron zonas específicas de moído, inda que haxa algunha pequena área socalcada preto das cavadas que ben puidera ser de traballo, ou de mesmo de habitación, quen sabe, que tampouco hai castros preto.

E outra infraestrutura que daba tanto o máis traballo que as cavadas ou o moído eran as captacións e levadas auga as minas, non como moitos cren para cavar, que a auga non erosiona na rocha nin apenas os xabres, senón para lavar e separar o ouro do maniño. De momento, nos Buracos so temos a memoria toponímica dunha canle poida que perdida que semella levaría a auga dende o Alto dos Pozos, mais seguindo o monte uns kilómetros o sur, na parroquia de Burgueira, en Oia, consérvase aínda unha destas levadas mineiras, unha obra senlleira de máis de mil seiscentos metros que cos seus respectivaos encoros recollía as augas de catro valgadas para servicio da mina.

Como era unha mina romana / Óscar Pazos

Os muíños que hai nos buracos dos mouros

E quédanos, augas abaixo de onde Gustavo atopora os muiños, os refugallos mineiros desbotados dos Buracos dos Mouros enchendo pequeno val do Estripeiral Grande, de tal xeito que a regueira mesma desaparece da vista ó se infiltar entre os entullos. Por moitos sitios destes montes míranse vales de fondo chá, enchidos de refugallos coma indicio de cavadas mineiras augas arriba. E estes entullos sonche ben importantes, pois que neles moito mellor que nos buratos (que xa pouco agochan) habemos medir un día as datas de inicio e final da minaría e moitas outras informacións sobre os traballos mineiros, rexistradas nas composicións dos recheos que enchen estes vales de cabeceira, ou augas abaixo nos esteiros litorais, e até na mesmiña plataforma continental de Galicia, onda se detectaron os refugallos da minaría do ouro transportados até aló polos ríos e as correntes mariñas destacando coma unha anomalía terríxena na serie de sedimentos fangosos. Aínda hai moito que facer para recoñecer as contaminacións específicas da minaría do ouro nos solos e sedimentos, cal foi a amplitude e intensidade do uso do mercurio, por exemplo, ou cal foi a escada da deforestación, das queimas, das erosións provocadas polas exploracións, pero non é nas cavadas mesmas onde imos atopar estas respostas, que poden agocharse tan lonxe coma as correntes mariñas levaran os refugallos das minas ou mesmo as correntes atmosféricas dispersaron os fumes dos fornos.

Arredor dos Buracos dos Mouros se espallan outras cavadas meirandes ou menores, foxos de exploración, zonas de traballo do mineral, asentamentos, infraestruturas hidráulicas, vales entullados, solos erosionados e montes rozados de parte a parte. É un grande erro isolar estes buratos uns doutros, porlle marcos as máis grandes ou mellor definidas cavadas para delimitar nelas a protección ou mesmo a investigación arqueolóxica cando as pegadas mineiras están esparexidas por todo o país. Toda a Gallaecia é un grande xacemento arqueolóxico porque todo o país foi unha gran rexión mineira, pois que así o quixeron os romanos e o deixou ben claro Plinio na súa Historia Natural o falar da minaría do ouro no NO de Hispania: Ó fin, os montes secos e maniños de Hispania, que nada xeran, son forzados a producir este ben.

Óscar Pazos é xeólogo. Este martes presentou en Ourense o seu libro a “A INVENCIÓN DA GALLAECIA E A MINARÍA DO OURO”

Galerías dunha antiga mina romana / Oscar Pazos

Pode que che interese...