fbpx
Pallozas en A Pedriña, parte do patrimonio en forma de itinerarios que propón o Instituto de Estudos do Territorio | As Nogais

A triste historia da única herdanza celta viva que queda en Galicia… e que vai morrendo

Tempo de lectura: 2 min.

Manuel Rodríguez, veciño de Cervantes, leva quince anos divulgando os tesouros etnolóxicos dos Ancares, especialmente, as pallozas, a herdanza “celta” que aínda persiste nesta comarca. Nun artigo no Lugo Xornal, este divulgador insiste en defender un patrimonio que forma parte do ADN de Galicia.

Hogano estímase que quedan apenas un cento de pallozas do lado galego da serra, das que tan só unha ducia atópase nun estado medianamente aceptable. Manuel destaca que o resto, ou ben atópanse baixo protexcores metálicos coma a uralita ou o fibrocemento, ou ben perderon total ou parcialmente a teitura vexetal, en estado de ruína total ou parcial, o que resulta incomprensible en pleno século XXI e nun dos estados da Unión Europea, por falta dun plan de rehabilitación e conservación.

No caso dos hórreos, apenas poderían contabilizarse entre cincuenta e cen hórreos con teito de palla, pouquísimos tendo en conta que hai apenas cincuenta anos a totalidade das casas contaban cun destes celeiros aéreos para a súa subsistencia. “Canda a iso, cómpre engadir a perda de centos de vivendas de lousa tradicional, debido á enorme despoboación da comarca, máis dun 73 por cento no último século”, salienta.

Palloza en Cervantes | Miguel Núñez

Abandono das administracións

“Desgraciadamente, todas as administracións, a Xunta de Galicia –máximo responsable do patrimonio galego– o Estado español e a Unión Europea, fixeron ouvidos xordos ás peticións de rescate do patrimonio único ancarés”, engade.

Por iso, o caso ancarés é un extremadamente grave para a realidade etnográfica en Europa, pois algúns dos seus conxuntos son dos máis numerosos do continente. O Piornedo, Vilarello de Donís, Pando, Robledo, Moreira, Deva, Degrada… “Son algúns dos exemplos máis importantes e que contan cuns poucos anos de esperanza para evitar esta enorme perda, da que todos somos herdeiros e propietarios. Os Ancares urxen a que as administracións fagan algo xa, é unha loita contrarreloxo”, asegura neste artigo que podes ler completo no LX.

Pode que che interese...