A única mina romana en uso do NO da Península está en Salvaterra… case 2.000 anos funcionando
Oscar Pazos Rodríguez, inxeñeiro de minas
A ferramenta básica da minaría do ouro é a auga. Sacudindo o sedimento na batea ou facéndolo discorrer polo fondo dunha canle, a oureana vai separando as densas lasquiñas e pebidas de ouro das más lixeiras areas correntes e comúns, de seixo, mica ou o que sexa. O ouro, máis pesado, queda no fondo, mentres que as outras van cara os bordes da batea ou seguen o curso da corrente na canle de lavado. O río fai esta operación de seu, de xeito natural, acumulando o ouro nos práceres, e as oureanas rematan a faena concentrando o ouro na mesma beira do río. Mais cando a oureana sae da beira do río para apañar o ouro dos sedimentos, ten que levar a auga do río con ela. Non hai minaría do ouro sen auga para separalo e concentralo.
En Salvaterra o río Tea desauga no Miño. Máis ou menos por aquí vai unha falla que limita o vagaroso Baixo Miño, cara ó mar, do rápido curso do río hacia Ourense. O senlleiro conglomerado de Cortes, cun raro cemento criptopalino, e as fontes termáis de Monçao, son evidencias deste accidente tectónico. Mais no que aquí nos atinxe, neste último tramo de rápidos antes de formar esteiro, o vello Miño deixou importantes sedimentos auríferos que os galaicoromanos laboriaron e mesmo se volven aproveitar neste século, inda que agora coma subproducto dos áridos para a construción. A actual explotación é a unica deste tipo en todo o NO da península, e segue a usar a auga para lavar e separar as areas das lasquiñas de ouro, porén, poida que o máis excepcional sexan unhas sobranceiras cavadas no granito poscinemático que se extenden por toda a bisbarra: as ‘furnas drenantes’.

Estrutura dunha mina romana / https://castrodastravesas.wordpress.com
O “ouro” do sur de Pontevedra
O batolito postcinemático de Ponteareas é un gran corpo granítico que se extende polos concellos de O Porriño, Tui, Salceda Salvaterra, Ponteareas e As Neves, e que se recoñece moi ben no campo polo seu tamaño de gran, por non estar tectonizado, e polos potentes xábredos de alteración que da, moi fáciles de cavar e dentro dos cales aparecen aquí e acolá eses xigantescos bolos graníticos tan característicos na zona. E nestes frouxos xábredos, nos que non hai pinga de ouro nin de outro mineral de interese mineiro, é onde estas furnas drenantes cavan por centros de metros de longura e até vinte metros de fondura, as veces coma foxos simples e as veces coma foxos complexos coma pequenas redes de drenaxe.
As furnas drenantes semellan ter sido cavadas para drenar os sábredos graníticos con que fornecer de auga as minas de ouro da bisbarra, funcionando dun xeito similar ás modernas minas de galería. Hai ducias destas furnas drenantes arredor das minas, case que todas elas ignoradas, as máis delas a monte e ocultas polo mato, outras parcialmente cultivadas e socalcadas, integradas na paixase agraria, unhas poucas confundidas coas propias minas de ouro e así catalogadas, e até algunha hai semiurbanizada e integrada na paixase urbana da vila de Ponteareas. Mais o conxunto sobranceiro destas furnas drenantes estaba no val do Lobeiro, onda se podían contar quince destas furnas (simples e complexas), que abastarían todas unha mesma levada que había levar a auga cara ó sur, as laborías mineiras nos bancais do Miño. A cabeceira deste val e moitas das furnas foron estragadas polo megaproxecto da PLISAN, unha infraestructura ruinosa que so deu ganacias ás empresas construtoras a custa da desfeita dun concello.