A Xunta confirma graves danos a un castro por unha tala de madeira non autorizada
Os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo comprobaron que nos últimos meses se realizou unha corta de arboredo e remocións de terra, que afectan á área de protección integral e ao contorno de protección do castro da Coroa ou castro de Cabo (catalogado coa referencia GA27031013, adscrito á Idade do Ferro e reocupado na época sueva), situado no lugar de Chavaga, en Monforte de Lemos.
Así o asegura Ana María Carril Cuesta, xefa do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación da Xunta, que remitiu un escrito á eurodeputada Lídia Senra, no que explica que estas actuacións de corta de árbores e remocións de terra se levaron a cabo a pesar de que “non contan coa previa e preceptiva autorización da Consellería de Cultura”.
Carril Cuesta contesta desta forma á denuncia cursada por Senra no pasado mes de agosto e da que xa demos conta no HdG, cando a eurodeputada informou de que na zona afectada polos incendios forestais do outubro do ano pasado, se estaban levando a cabo traballos para talar e retirar a madeira queimada, con maquinaria pesada. Esta maquinaria abriu pistas que non respectan os camiños existentes e nin sequera os muros perimetrais que existen nas cotas do monte, orixinando desperfectos no castro e nos muros de pedra-

Lidia Senra, Paula Vázquez Verao e varios veciños comproban como quedou o castro de Chavaba tras o paso de maquinaria pesada / En Marea
O Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta en Lugo informa de que tramitou un expediente (o 26104) referente á denuncia por estes feitos referidos a labores forestais que terían afectado a este xacemento arqueolóxico. A Xefa do Servizo tamén explica que lle remitiu á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, en Santiago de Compostela, unha copia en papel deste expediente de denuncia, para se “consideran procedente iniciar os trámites para a incoación dun expediente sancionador aos presuntos responsables destes feitos”.
Senra pide que se actúe xa
Senra exixe que o expediente sancionador se abra canto antes, unha vez que os propios técnicos da Xunta corroboran que o que ela e a deputada Paula Vázquez Verao denunciaron é certo, e reclama que se adopte unha solución efectiva xa, para protexer o xacemento arqueolóxico, recuperar a zona dos danos causados e evitar que isto volva a acontecer.
Para a europarlamentaria, “é gravísimo que houbera quen, seguindo os intereses da industria da madeira e aproveitando a habitual deixadez de funcións da Xunta na práctica diaria, non dubidara un momento en facer estes estragos”. A maiores da loita pola defensa do patrimonio cultural, a eurodeputada tamén está inmersa nun arduo traballo de denuncia para que non se planten eucaliptos no Distrito Forestal VIII, no sur lucense.