fbpx
O rei Tuba facendo o meigallo / Imaxe Dieterich01 CC0

Lendas para escorrentar o virus: a lenda do Castelo de Bría e as Covas do Rei Cintolo

Tempo de lectura: 3 min.

Conta a lenda que moito tempo antes da fundación da actual Mondoñedo, existía no lugar un reino coñecido como Bría. Sobre el dominaba un gran castelo que se localizaba sobre a superficie do que hoxe é a cova, e que era o centro dun territorio de especial e fertilidade e riqueza. Nel gobernaba o rei Cintolo, un soberano de gran coraxe e excepcional sabedoría que fora quen de traer a prosperidade e o benestar ó seu pobo.

Mais o rei Cintolo contaba cunha única descendente, unha única filla. Era unha moza de especial fermosura e doce querida polos súbditos do seu reino, non so pola súa beleza senón sobre todo pola súa excepcional bondade. O seu nome era Xila, ou ou Manfada, segundo a versión. Pola riqueza do seu pai a fermosura e bondade da rapaza non eran poucos os cabaleiros que se ofrecían para casar coa moza. Mais Xila achábaos a todos ruíns e batalladores acostumados a medrar nas artes da aristocracia coa persuasión, a violencia e a guerra. Por isto pasaban os anos e a rapaza non atopaba home do seu merecer.

Un día chegou a Bría un mozo chamado Hollvrudet ou Uxío, tamén segundo a versión. Non era un home especialmente rico e o seu séquito era máis ben reducido, pois a pesares da súa condición aristócrata o mozo gozaba ante todo de humildade e bo corazón. Precisamente por este motivo a moza namorou perdidamente do rapaz e o rei logo aceptou o amor de ambos ó tempo que todo o reino clamou pola pronta voda. Todo semellaba apuntar cara un feliz desenlace.

Maia un día, non moito tempo despois, pouco antes do casamento, chegou a Bría un numeroso séquito de homes a cabalo, cun gran número de armas, pendóns de diferentes reinos repicando tambores e trompetas. Tratábase do rei Tuba de Oretón. E o seu enorme séquito acampou ó pé do propio castelo, coma se se estivera a tratar dunha ocupación do mesmo pola forza. Dende a contorna do castelo Tuba envioulle unha misiva ó rei Cintolo comunicándolle os motivos da súa visita, pois de non recibir a man da filla do rei os exércitos de Tuba tomarían o castelo pola forza.

Xila ou Manfada na entrada da cova / foto Dieterich01CC0

Uxío quixo daquela defender o reino da súa amada coa súa vida. Mais consciente da imposibilidade de vitoria do seu exército retou a Tuba a un duelo persoal ó pé do propio castelo. Non sabía que tuba, antes que guerreiro, era ante todo un poderoso bruxo que antes de comezar a pelexa botara sobre o lugar un potente conxuro. Así, mentres o mozo se achegaba ó lugar para pelexar coa súa vida polo reino, e antes de tan sequera achegarse ó lugar, cun gran ruído. abriuse o chan baixo os pes do mozo e todo o castelo acabou baixo terra.

Mais Uxío sorteou o derrube e saíu ileso, buscando a Tuba e asestándolle ó bruxo un mortal golpe de espada. O bruxo ficou morto e o rapaz tratou de retornar ó castelo. Mais este xa fora tragado pola terra. O reino de Bría quedou daquela derrubado baixo o chan converténdose nun importante conxunto de oquedades e covas hoxe coñecidas como Covas do Rei Centolo. Pero Uxío non se rendeu ata descubrir a entrada á cova e aventurouse baixo o chan para buscar á súa amada e o Rei da antiga Bría. Nunca máis nada se soubo del.

Mais contan no lugar que aínda a día de hoxe dentro da cova está a princesa, e que aínda Uxío segue a buscala. Mais que fica presa dun encantamento da man dun dos bruxos que acompañaba o rei Tuba. O meigallo faina presa do lugar, máis o axudante do bruxo déixaa saír todas as noites ás doce da madrugada. Mais so durante uns minutos, momento no que ela busca o seu amado pola contorna da cova. Por iso dise que se un pasa na medianoite polo lugar pode vela. Máis ó carón da entrada da cova aínda se atopa o bruxo vixiándoa, e de ver a outra persoa no lugar a captura e a leva do mesmo xeito prisioneira.

Entrada da Cova do Rei Cintolo / foto Xelo2004 GNUCL Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...