fbpx
Ribeira Sacra / foto locuigCC0

Finalmente unha tirolina cruzará un dos espazos virxes que quedaban en Galicia, o canón do Sil

Tempo de lectura: 2 min.

600.000 euros. Esa é a partida que ten xa reservada para si a tirolina do canón do Sil na Ribeira Sacra e que a converten nunha realidade. Pois nos pasados días a Deputación de Lugo confirmou cos seus orzamentos o que a Deputación de Ourense xa confirmara en setembro, unha partida concreta no exercicio 2019 para financiar a súa construción. Será con 300.000 euros que porán respectivamente cada unha das dúas administracións e que, segundo adiantaba o alcalde de Monforte nos pasados días a La Voz de Galicia, será máis que suficiente para a instalación da atracción turística.

E é que, agora si, cruzar o canón do Sil cunha tirolina de máis dun quilómetro de longo, semella estar a piques de ser de feito unha realidade. A atracción conectará o miradoiro lucense do Duque no concello de Monforte de Lemos co ourensán de Matacás en Castro Caldelas, cruzando por un dos lugares máis abruptos o canón. Sería así a segunda tirolina dun único traxecto máis longa de Europa despois da de Pena Aventura en Vila Real, no norte de Portugal, que ten actualmente quilómetro e medio.

O obxectivo para as catro administracións é fomentar o turismo activo ou de aventura na zona e reforzar así a potencialidade do lugar como punto de atracción de visitantes. Así, a idea, que foi presentada ó público no pasado mes de setembro nun acto cos presidentes das catro administracións, podería facerse unha realidade xa no vindeiro ano 2019. Resta tan so que as catro administracións das dúas marxes do río constitúan unha comisión técnica para concretar o proxecto e adxudiquen a obra, convertendo en realidade o que os números xa viñeron de confirmar.

Ribeira Sacra / foto eladioabanelasCC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...