fbpx
O Avó de Chavín / foto Rodrigo Rega Wikimedia CCBy

Finalmente conservarán unha das árbores máis altas de Europa que está en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Como en tantos outros aspectos, Galicia ten o privilexio de ter un dos tops de Europa. Pois no noso territorio, na Mariña Occidental, concretamente Viveiro, atópanse as que son consideradas as árbores máis altas de Europa. Están no chamado Souto da Retorta, na parroquia de Chavín preto do río Landro e a 6 quilómetros da capital comarcal. Dentro del, un bosque cuns 600 eucaliptos da especie eucalyptus globulus, que están consideradas ós máis longos do vello continente e que se remontan ó ano 1860.

E é que os seus maiores exemplares, entre eles o chamado Avó de Chavín, chegan a acadar máis de 75 metros de altura e máis de 5 metros de ancho. O Avó de Chavín, que non é de feito o máis alto do “souto”, ten exactamente 128 anos, uns 72 metros de altura e un perímetro de nada menos que 7,7 metros. O Avó foi nomeado no ano 2010 Árbore do ano pola organización Bosques sen Fronterais e, coma os outros do conxunto, forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras e do Monumento Natural declarado o 12 abril do ano 2000.

eucaliptos / foto ekaterinvorCC0

O Eucaliptal de Chavín ou Souto da Retorta foi plantado vai 158 anos para a drenaxe das terras baixas que se anegaban con frecuencia gracias os moitos regatos que concorren no lugar. Porén se considera que non todos son tan antigos. Ademais das árbores centenarias, o lugar destaca pola súa orografía empenada, ó redor do curso do Landro onde se poden atopar tamén varias fervenzas como o Salto do Can e, sobre todo, o Pozo da Ferida  ós 30 metros de altura.

Un plan para a súa conservación

A Xunta de Galicia anunciou o pasado luns, tal e como recolle o Xornal da Mariña, que está a traballar no primeiro gran plan de conservación do Monumento Natural do Souto da Retorta. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que “o obxectivo da Xunta é avanzar ó longo do próximo ano na elaboración do plan de conservación”. O obxectivo será protexer de feito e poñer en valor o espazo, e, sen falar de cifras referiuse tan so ós máis de 70.000 euros investidos pola Xunta nestes últimos anos. Un esforzo, ó que, segundo ela, se lle dará continuidade no futuro.

Ángeles Vázquez, fixo este anuncio na presentación do selo que Correos vén de adicar á árbore máis emblemática deste espazo, o Avó de Chavín. O selo adicado ó eucalipto viveirense englóbase na serie Flora, coa que Correos homenaxea diversas árbores monumentais de España, e que no seu día seu día xa se dedicara exemplares como a Árbore de Gernika. Terá unha tirada de 960.000 exemplares distribuídos nun prego con seis unidades cada un. A estampa está deseñada con forma de folla de eucalipto e leva impregnado o singular aroma destas árbores.

O sol as copas dos eucaliptos / foto ChesnaCC0

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...