fbpx
Estado no que se atopa a estación de petróglifos de Tenxiñas, en Pazos de Borbén, tras os lumes de 2017 / Jorge Álvarez

SOS Tenxiñas, cando o lume e a indiferencia rematan con miles de anos de historia

Tempo de lectura: 3 min.

Por Jorge Álvarez García, promotores da Senda Arqueoloxica de Amoedo

Hai unha semana celebrouse o Día Internacional do Patrimonio, polo visto… Podería ser o día no que os miles de castros galegos, castelos, fortalezas, igrexas, pazos, pombais, camiños medievais, camiños reais ou breas, as lendas e contos, os cruceiros, as construcións para os ciclos da auga, a arquitectura tradicional, as mámoas… os petróglifos, etc., estiveran completamente protexidos e “respectados” en tódolos eidos da sociedade galega, formando este conxunto patrimonial parte dos bens do pobo galego que o foron definindo como tal, aceptándoos como parte indivisible da súa idiosincrasia dunha vez por sempre.

Pero non! Hoxe hai expoñer parte dunha traxedia cultural e de identificación co noso ao que estamos sometidos día tras día, tanto por acción como por omisión, como é a destrución do centro arqueolóxico ao ar libre máis grande do mundo: Galicia. E As Tenxiñas, en Pazos de Borbén (Pontevedra) por poñer un caso concreto, é un claro exemplo.

Así está algúns dos petróglifos das Tenxiñas tras os lumes de 2017 / Jorge Álvarez García

O “esplendor” destes petróglifos

Estudada xa por Sobrino Buhigas, López Cuevillas, Elizabeth SheeTwohig e Michael J. O’Kelly, como recolle Peña Santos nun libro seu do 1979; ou por outros máis contemporáneos como Manolo Rei, Manuel Ledo, Santos Estévez ou Xosé Lois Vilar entre outros, dan fe da magnitude e esplendor desta estación de arte rupestre de composicións circulares, coviñas, cervos e unha representación de cópula. Debido a este currículo As Tenxiñas é declarada Ben de Interese Cultural o 30 do 12 de 1974, clasificándose como monumento histórico-artístico.

Pero este outubro pasado, un ano xa dos incendios, os restos non orgánicos feitos fume que se pegaron á rocha como o pegamento seguen alí, sen cambios e sen visos a que o faga pronto. Pero o peor efecto do lume viu da man da termoclastia, xa que no transcurso deste ano fixo saltar en pedazos o panel vertical no que estaban representados cervos e demais composicións abstractas.

Danos causados aos petróglifos das Tenxiñas por maquinaria pesada / Jorge Álvarez

Danos de maquinaria pesada

Aínda que o descascaramento comezara pouco despois dos lumes, como así se recolle en varias tomas do fotógrafo de arte rupestre Angel de Prado, por exemplo, non foi ata pasado todo un ano que a rocha rachou por toda a súa superficie. A súa degradación e xa moi acusada. Por se isto non fora suficiente, a maquinaria pesada, maquinaria que “traballou” na talla da madeira queimada, destrozou rochas que se situaban ao redor das Tenxiñas, saltándose os 200 metros de protección que se deberían gardar. Xa non digamos 200… 100?

Miles de anos de existencia nun promontorio de pedra sobre Pousiño, dende os que viu pasar romanos, suevos, o esplendor do Reino de Galicia, o rexurdir dunha nova era para Galicia, os tempos escuros do 36; o ir e vir de xeracións de pais, nais e fillos, para que un lume, o de outubro de 2017, borrase case todo vestixio deste libro ao ar que nos falou duns tempos de supersticións, lendas, guerras, “aventuras” e vivencias que xa non volveran a ser vistos por ninguén nunca máis.

Día Internacional do Patrimonio… Aqui nada que celebrar e moito por traballar.

Pode que che interese...