O Apalpador segundo Títeres Cachirulo

O Nadal no que Santiago fixo revivir ó Apalpador

Tempo de lectura: 3 min.

Dende vai moito tempo moitos cativos galegos na noite do 5 de xaneiro acoden ver as cabalgatas de reis, así como moitos outros achéganse ós centros comerciais a deixar as súas cartas e a pedirlle agasallos a Santa Claus. Porén aínda que en moitas ocasións tiveran a sorte de ver os reis, de pedirlle agasallos ós seus paxes, ou de transmitirlle a algún dos moitos axudantes de Santa Claus a súa listaxe de regalos, moi poucos cativos galegos coñecen en persoa ó vello Apalpador.

Mais dende o Concello de Santiago considerouse este ano que non podía ser que os cativos galegos non coñeceran de primeira man a este bonachón da nosa montaña e pedíronlle ó vello carboeiro do Courel que traballara algo máis da conta e visitara ós cativos de Compostela. Como non podía ser doutro xeito o vello non se negou e ó longo de todo este Nadal o vello estivo de visita polos centros cívicos da cidade e polas rúas do casco vello.

Para isto tivo a axuda de varias compañías de teatro e de títeres, que se repartiron o traballo co montañés para ensinarlle ós máis cativos a historia dos tempos nos que o Apalpador tiña que traballar arreo nas comarcas da montaña de Lugo para asegurarse de que ningún bandullo quedaba baleiro na noite do Nadal. Así, a Compañía Cachirulo participou en todos os centros cívicos coa obra de títeres A historia do Apalpador, dende o 11 de decembro ata o 4 de xaneiro. Traballaron xunto coa compañía A Xanela do Maxín que contou outras historias nos mesmos centros da cidade.

O Apalpador segundo A Xanela do Maxín

Mais a protagonista foi a compañía Talía Teatro, quen invitou ó propio Apalpador ós seus espectáculos ó longo de todo o Nadal na gran maioría dos centros cívicos da cidade. Así, o montañés estivo na Peregrina, Busto, Grixoa, Laraño, Cancelas, Verdía, San Lourenzo, Conxo, Marrozos, Arins, Marantes, e A Gracia.

Pero o Apalpador non quedou so nos centros do Concello senón que a pesares de ser un home o que non lle gusta moito deixarse ver fixo este ano un esforzo e amosouse polas rúas de Compostela. Foi o venres 21 de decembro, cando a partires das 18 horas baixou pola rúa de Santa Clara, cruzou San Roque e a Algalia e deixouse ver pola praza de Cervantes onde o agardaban xa un grupo de rapaces. O Apalpador, segundo se di, foi acompañado de músicos, malabares, xogos de lume e música, e o chegar á praza de Cervantes os composteláns déronlle a benvida con música, monicreques e petiscos.

Mais, despois desa noite, e a pesares de seguir a súa xeira polos centros cívicos da cidade, o Apalpador xa non puido deixarse ver máis polas rúas da cidade, xa que aínda restaba moito traballo para a noite do 24. Porén moitos cativos composteláns xa o coñecen en persoa e moitos lle pediron agasallos e castañas. Segundo se conta, este ano moitos cativos galegos recibiron ou recibirán unha presa de castañas ó  pé dos seus agasallos os días 25 de decembro (ou 6 de xaneiro), pois o vello carboeiro do Courel non esquece as caras nin os bandullos de ningún dos cativos que xa o coñecen.

O Aplapador

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: