Esnaquizan en Coristanco un dos cruceiros máis singulares de Bergantiños
Un novo cruceiro fica esnaquizado no chan por mor do tráfico. Trátase do singular cruceiro do cemiterio parroquial de San Paio, en Coristanco, unha peza que podería datar do século XVII e dun especial valor artístico. O cruceiro foi atopado no chan, esnaquizado e cun dos brazos da súa cruz desaparecido dende os pasados días despois de que os veciños o atoparan estragado no chan o pasado día 13.
Segundo os veciños do lugar o cruceiro apareceu rodeado de anacos de cristal e plástico o que fai pensar ós que puidera ser obxecto dun golpe por parte dun vehículo. Segundo os veciños tanto o alcalde de Coristanco, Abraham Gerpe Muñiz, coma a Garda Civil personáronse no lugar, comezando, esta última, as pesquisas para esclarecer o sucedido. Porén, mentes tanto os anacos do cruceiro non foron levantados do lugar polo que aínda corren o risco de seren roubados.
- Vista xeral de cruceiro / foto HdG
- Detalle dun cruceiro esnaquizado / foto HdG
- Detalle do cruceiro, fuste / foto HdG
- Detalle do cruceiro, coroa de espiños e INRI / foto HdG
O cruceiro do cemiterio de San Paio era un dos máis singulares da zona, e posiblemente dos máis curiosos da comarca. A singularidade estriba en que, a diferencia do que é habitual non ten esculpido o Cristo e a Virxe. No canto ten nunha cara unha coroa de espiños cunha cartela cun INRI, e no reverso un corazón atravesado por sete espadas. Tamén ten o que poderían semellar putis e elementos zigzagueantes en relevo.
Crese que o sucedido está en relación coa súa ubicación ó atoparse nun lugar que serve de aparcadoiro do propio cemiterio parroquial. O cruceiro, que xa fora reparado, derribárase xa tempo atrás por outro golpe con outro vehículo de motor e levantado de novo. Porén non se lle instalaron medidas de protección. Tristemente este caso estase a repetir con demasiada freceuncia en non poucos cruceiros galegos.
- Detalle do anverso do cruceiro / foto HdG
- Detalle do brazo do cruceiro / foto HdG
- Detalle do cruceiro. orazón atravesado por sete dagas / foto HdG
- Cruz cun brazo roto e desaparecido / foto HdG