fbpx
Entroido en Xinzo de Limia / xinzodelimia.blogspot.com

O Entroido de Xinzo, declarado Festa de Interese Turístico Internacional

Tempo de lectura: < 1 min.

O Entroido de Xinzo de Limia (Ourense) xa ten a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Así llelo comunicou a secretaria de Estado de Turismo do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Isabel María Oliver Sagreras, á directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro.

Isto provocou que o concello cambie o cartel do Entroido deste ano para que nel figure xa esta declaración.  Supón “un orgullo” que o Entroido de Xinzo,  obteña “un recoñecemento importante”, dixo ao rexedor. “É o máis participativo de España porque toda a poboación víveo durante todo o ano e o día dos festexos envórcanse nas rúas”, apuntou.

ACTIVIDADES

A esta festa acoden máis de 20.000 visitantes e este novo recoñecemento servirá para aumentar, aínda máis, o número de turistas á vila. O Entroido de Xinzo de Limia celebrarase do 1 ao 5 de marzo de 2019 e, segundo anunciou a organización a través dun comunicado, recuperará o Concurso de Disfraces do desfile do Martes de Entroido, así como o Festival da Canción Humorística.

Con todo, a festa comezará a súa previa o 9 de febreiro, co Petardazo, e continuará o seguinte día co Domingo Fareleiro. O 16 do mesmo mes terá lugar o Colgamento do Meco; o 17 será o Domingo Oleiro. O 23 será a quenda para a Noite do Corredoiro. E, para despedir o espectáculo, o Enterro da Sardiña, o 6 de marzo, e o Domingo de Piñata, o 10.

Así mesmo, a organización do evento recentemente declarado de Interese Turístico Internacional avanzou que se volverá a celebrar o concerto estático do Venres de Entroido e a representar o Colgamento do Meco no Sábado Oleiro cunha comitiva tradicional que sairá desde a Praza de Oriente e acabará o seu percorrido na Praza Maior.

Pode que che interese...