fbpx
Peregrinos / foto jackmac34CC0

O turismo que vende a Xunta: festas, viño, Xacobeo… e algo de patrimonio

Tempo de lectura: < 1 min.

A gastronomía e a viticultura, as festas, o Camiño de Santiago e a próxima celebración do Xacobeo 21 son os principais pratos que a Xunta levará a gran Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur). Aínda que este ano, como novidade, presentará a coñecida como “ruta dos fenicios”.

Na presentación das grandes bazas turísticas de Galicia, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, destacou os trens turísticos de Galicia, a ruta da camelia ou os paseos entre viñedos, así como os 10 produtos cabeceira de marca e celebracións como os ‘entroidos’ tradicionais e a Semana Santa.

A maiores, presentarase en Galicia o recente programa de fomento de festivais de música na comunidade ‘Fest Galicia‘ e incidirase naqueles destinos que buscan o recoñecemento como patrimonio mundial da Unesco: a Ribeira Sacra, o Parque Nacional das Illas Atlánticas e o Ferrol da Ilustración.

Varias das presentacións da promoción galega –que, de feito, leva a lema ‘Galicia, o bo camiño‘– estarán centradas no Camiño de Santiago, a súa accesibilidade, servizos e novos programas, de cara á promoción das rutas en vésperas do Xacobeo 2021.

E tamén algo de patrimonio

De forma paralela, presentaranse novas iniciativas, entre as que a directora mencionou os ‘Paseos de historia e vida‘, unha aposta por pór en valor o patrimonio dos centros históricos das localidades galegas a través de rutas.

Do mesmo xeito, presentarase a ‘Ruta marítima dos fenicios’, iniciativa pertencente á ruta europea dos fenicios que, atravesando 18 países, busca pór en valor os restos patrimoniais desta cultura. Por outra banda, a Xunta apostará por incrementar o turismo submarino coa sección galega da primeira ruta atlántica de turismo de mergullo.

Pode que che interese...