fbpx
Desperfectos no petróglifo Chan do Carbón 3, no entorno de Campo Lameiro / A Forneiriña

Opóñense á empresa adxudicataria do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro por provocar danos en petróglifos

Tempo de lectura: < 1 min.

O Colectivo na defensa do patrimonio A Forneiriña vén de rexistrar un escrito de oposición á adxudicación da concesión da xestión do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro á empresa Espiral Xestión Cultural S.L., por ser a causante, di, de desfeitas no propio parque.

“O noso escrito pretende facerlles lembrar que esta empresa, durante a vixencia do seu contrato de xestión do PAAR (espirado no ano 2015), incumpriu co contrato e pregos de cláusulas que o regulaban provocando riscos e danos en petróglifos catalogados como BIC e na área arqueolóxica do PAAR, en especial nos trazados dos sendeiros da mesma”, apunta nun comunicado.

Así, lembra que, en canto aos danos nos petróglifos, a empresa foi responsable do arraso dun petróglifo (Laxe da Forneiriña 3, rocha 1) no ano 2014 no PAAR ao pasarlle cun tractor con desbrozadora de cadeas por encima do petróglifo BIC.

Lembra a entidade que o director do PAAR, José Manuel Rey, nun primeiro momento tentou ocultar os danos causados no petróglifo e logo emite un informe minimizándoos. “Pola súa parte, a Consellería de Cultura non abriu investigación propia e independente sobre o arraso, xustifica os danos como propios dos labores de mantemento e premia á empresa Espiral Xestión Cultural devolvéndolle a fianza depositada no inicio da xestión do paar por un importe de 35.656€ tan só pagando o traballo da restauración do petróglifo danado por importe de 1.354€”, suliña. Os danos nos sendeiros serían xestionados, posteriormente, con fondos europeos.

Pode que che interese...