fbpx
O Camiño dos Faros ó seu paso polo Concello de Laxe / foto HdG

The Guardian ou National Geographic contan a excepcionalidade do Camiño dos Faros

Tempo de lectura: 3 min.

O nome do Camiño dos Faros, a ruta de sendeirismo de máis de 200 quilómetros polas paisaxes máis abruptas e fermosas da Costa da Morte, está a acadar cada vez máis sona. E non so en Galicia senón xa a nivel internacional. Pois, se ben xa o fixeran noutras ocasións varias publicacións estranxeiras, esta vez foi The Guardian, un dos máis importantes xornais británicos, o que recolleu nas súas páxinas os encantos da ruta.

Foi o pasado 23 de xuño, cando o xornalista británico Matthew Bremner, recollía na súa sección Spain holidays do xornal, cinco días de viaxe polo xa famoso carreiro da Costa da Morte. Nel destacaba a aventura de percorrer “a máis espectacular liña de costa de España”. Mais a nova, porén, non foi coñecida de feito en Galicia ata esta mesma semana, xa que foi o pasado día de Reis cando a asociación Os Trasnos ou Asociación Cultural O Camiños dos Faros, rescataba a reportaxe do xornal británico.

Unha costa que “xoga noutra liga”

“Cinco días de paisaxes mariñas e outeiros salvaxes para que a alma cante”, poetizaba Bremner. O  Camiño dos Faros é “unha incrible viaxe que silueta unha das costas máis espectaculares de Europa“, un camiño que pasa por once faros e que “non é un camiño oficial. Ou, sexa como for, non polo de agora”. Mais para o autor é un camiño fascinante que percorre “literalmente, o fin da terra”.

O Camiño dos Faros ó seu paso por Cabana, dende Monte Branco / foto IzzzmeeCC0

E é que na longa reportaxe o xornalista, que xa percorrera outras paisaxes como as Illas Cíes, Mallorca ou a Alhambra, conta a súa vivencia pola ruta. Fala das xentes, da historia da ruta, dos lugares que visita e das sensacións dun camiño baleiro entre Malpica e Fisterra -mapa incluído-. “A xente di que Galicia é como Gales. En realidade non o é. O clima fresco, os areais salvaxes, os cantís de pedra seca, as flores de cor encarnada e púrpura do mar son similares. Mais esta costa xoga noutra liga”.

“Esta costa ten unha inmensa soedade, ó borde do mundo abandonado. Un cinto negro de recedume”. O Camiño pasa por “Casaríos tranquilos enchidos de grilos, dos cantos dos paxaros, estampas de hortalizas e celeiros a xeito de hórreos tradicionais sostidos sobre perpiaños como sapos, fragas brillantes coa choiva, onde se misturan os cheiros á piñeiro e a estrume”.

Unha experiencia mística fronte a un saturado Camiño de Santiago

Mais non é a única publicación. Segundo recollen Os Trasnos, a ruta por eles ideada aparece citada no Telegraph, en Google, na revista Oxígeno, en Viajar, en Wandermagazine, ou en The Times entre outros non menos relevantes. Máis en poucas ocasións nun artigo tan extenso e laudatorio como o de The Guardian. O certo é que non son xa poucas as publicacións nacionais e internacionais que puxeron os ollos na ruta, e a comparación co coñecido Camiño de Santiago faise ineludible.

Camiño dos faros ó seu paso por Muxía / foto HdG

“Chegamos ó tope do Camiño de Santiago?” di Bremner. “Case. Segundo unha copia do xornal El Correo Gallego,  que atopei nun bar da vila de mar de Muxía. No noroeste de España teñen un record: 301,036 camiñantes completaron o percorrido de peregrinación o pasado ano. Un 98,6% da súa capacidade, segundo os estudos”. Feito recorrente que parecen recoller todas estas publicacións.

Para National Geographic “mentres os camiñantes son atraídos polo Camiño de Santiago para completar a peregrinación máis famosa de España, a alternativa (aínda que igual de convincente) da ruta costeira do Camiño dos Faros é a xoia descoñecida do país. Se tece polo terreo accidentado e salvaxe da Costa da Morte na costa atlántica de Galicia, España”. Pois o percorrido por “cantís e rías”, está cheo de paisaxes e “herdanza arqueolóxica notable”.

Para Bremnen esta saturación non ocorre no Camiño dos Faros. “É un feito pouco apreciado que a peregrinación a Santiago de Compostela foi unha viaxe para calmar a mente tanto como por ver as reliquias. Isto é difícil cando compartes a ruta con 300.000 peregrinos. Eu vin tres camiñantes en cinco días“. “Non podo recordar a última vez que sentín unha satisfacción tan simple, unha alegría tan tranquila, en realidade. Isto podería venderse como terapia“.

O cabo Fisterra / foto jesusmanuelgallardoCC0

Pode que che interese...