Este é o impresionante cambio do icónico Laxe de Mareas Vivas, 20 anos despois
O 11 de xaneiro de 1999, fai xusto 20 anos, emitíase na Televisión de Galicia o primeiro episodio de Mareas Vivas, a serie que mudou para sempre o audiovisual galego. A serie conseguíu ser líder de audiencia en Galicia en Prime Time, chegando a ser emitida en outras canles como Telemadrid ou a ETB. Tamén foi a primeira serie de calidade e alta audiencia da TVG e inaugurou o que sería a gran produción propia da TVG e o auxe do audiovisual feito en Galicia.
A serie tamén foi un trampolín para os seus actores, moitos deles xa consagrados no teatro, outros verdadeiras revelacións, como o caso de Luis Tosar ou de Carlos Blanco. Mais con permiso deles, así como de Isabel Blanco, Manuel Lourenzo, Miguel de Lira ou Luis Zahera, a verdadeira protagonista da serie foi sen dúbida a vila de Portozas, interpretada pola histórica vila de Laxe, unha das vilas de mar máis fermosas, naquel momento, da Costa da Morte.
Mais, como cambiou a vila de Laxe nestes 20 anos? Mellorou ou empeorou? Soubo xestionar o seu chimpo ó estrelato televisivo?. O certo é que o cambio na vila non foi substancia se falamos de grandes actuacións urbanísticas, nin un gran crecemento externo. En esencia, a día de hoxe Laxe non é moi diferente daquela vila de vai xa catro lustros. Porén si sufriu, e seguramente como outras moitas vilas de mar galegas neste tempo, unha renovación interna e profunda que tivo un profundo efecto negativo sobre o seu patrimonio.
- A Casa do Arco, porta histórica da cidade, dende a rúa Real / foto Íñigo M. Riobó
- Así é a praza Ramón Juega único espazo conservado da antiga vila / foto HdG
- Laxe dende o areal / foto HdG
- Contraste entre edificios rehabilitados xunto a outros de formigón / foto HdG
- Contraste entre edificios vellos e novos no casco histórico / foto HdG
- Rúa Real na actualidade / foto HdG
- Edicios abandonados no casco histórico / foto HdG
- Novas vivendas ó pé dunha casa tradicional con hórreo / foto HdG
Un crecemento interno que se levou por diante o seus sinais de identidade
E é que a vila de Laxe pouco a pouco foi deixando de ser unha vila mariñeira para converterse nunha vila sostida polo sector servizos. Unha das causas precisamente deste abandono daquela icónica vida de mar foi o auxe do turismo estacional. Pois semella que de todas as imaxes lanzadas pola serie a que si calou na audiencia foi a da calidade da súa praia. Dende a aparición na serie e dende a progresiva mellora dos seus accesos, a vila de Laxe chegou a consolidar por fin un turismo estiva nacida xa na década de 1960 e baseada no aluguer de tempada nos meses de xullo e agosto.
A consecuencia foi, como non podía ser doutro xeito, un “boom” da construción, consolidándose un modelo de “ensanche da vila” en edificios de catro alturas trepando polo outeiro buscando vistas sobre o mar.Mais tristemente tamén no espazo interno. A consecuencia foi a perda en boa medida daquel casarío tradicional que, cando se estreou Mareas Vivas, foi un dos seus grandes reclamos. Boas casas de pedra de cantería de excelente calidade agrupadas ó redor da súa singular igrexa gótico mariñeira. Laxe era aínda daquela un dos cascos históricos máis fermosos da Costa da Morte.
- Casa na praza Ramón Juega e ensanche / foto HdG
- Derrubes na rúa Real para construír novas vivendas / foto HdG
- Edificios en construción na actualidade / foto HdG
- Contraste entre vivendas históricas e novas construcións / foto HdG
- Unha vivenda rehabilitada entre dous edificios de formigón / foto HdG
- As pedras conviven coas caixas de peixe / foto HdG
- O ensanche segue a medrar a base do casco histórico / foto HdG
- Novos edificios fronte a Santa María da Atalaia / foto HdG
Mais Laxe non estaba protexido como BIC, nin posuía un planeamento que protexera o seu casco histórico, nin as ducias de excelentes vivendas históricas de pedra espalladas por todo o val. A consecuencia foi a perda case por completo do que en tempos foi unha das vilas máis fermosas de Galicia, e tamén unha das que posuía unha personalidade máis marcada. Aquel laxe que hoxe xa case non existe foi do que no seu tempo se namoraron Emilio McGregor, Antón Reixa, Miguel Aguiar, Mercedes Peón, ou Manuel Lourenzo.
- Santa María da Atalaia entre edificios / foto HdG
- Laxe dende Espiñaredo / foto HdG
- Unha estruturade bloques /foto HdG
- Edificios ó redor de Santa María da Atalaia / foto HdG
- Edificios ó redor de Santa María da Atalaia / foto HdG
- Rúa do Río / foto HdG
- Edificios rehabilitados e de formigón / foto HdG
- Entorno dun hórreo / foto HdG