Como integrar e aproveitar o valioso patrimonio indiano que ten Galicia
A Guarda inaugurou o pasado venres día 22 de febreiro de 2019 a súa nova Casa do Concello. Está situado na histórica “Casa dos Alonsos”, un singular edificio do seu casco histórico reformado recentemente e con fachada recuperada para a súa nova función. Agárdase que sexa “unha sede municipal moderna, concibida para facilitar o labor dos traballadores e para dar uns servizos de calidade á cidadanía acordes cos tempos que vivimos”, en palabras do seu alcalde.
O certo é que o edifico orixinal era unha «Casa Indiana» de arquitectura señorial urbana, cunha elegante fachada en estilo ecléctico moi sobrio de perpiaño de pedra que tivo na repetición de arcos o seu late motive. Articulábase con impostas e con pilastras a xeito de orde xigante que separaban os dous corpos das dúas vivendas que era o edificio na súa orixe. Nunha delas, ademais do piso nobre, contaba cunha terceira altura construída en pallabarro e perdida na rehabilitación.
A casa tivo ó longo da súa historia varios propietarios, máis a finais da década de 1960 as dúas vivendas pasaron a formar parte do colexio dos Pais Somascos que estivo en funcionamento ó redor de tres décadas máis. Despois o edificio ficou en abandono, ata que no ano 2001 pasou a ser propiedade municipal. No ano 2002 xa había un proxecto para dependencias municipais, como centro de día, sala de exposición e biblioteca. Comezando as obras no ano 2009.
O acto de inauguración, celebrouse na Praza do Reló, contando coa asistencia da Subdelegada do Goberno, Maica Larriba García; da Directora Xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias Núñez; da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego; do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e da corporación local. No evento tamén estiveron presentes alcaldes e alcaldesas da comarca do Baixo Miño.