fbpx
Localización das mámoas da gran necrópole de Rañalonga, en Brión / Elixio Vieites

Coñece a importante necrópole megalítica que se oculta en Rañalonga (Brión), con case 30 mámoas

Tempo de lectura: 5 min.

Tíñamos falado noutra ocasión en historiadegalicia.gal da gran necrópole neolítica de Rañalonga, situada nunha elevada chaira dos montes pertencentes aos concellos de Brión e Ames. Se xa antes destacabamos a súa importancia, agora, o achádego recente de nove túmulos máis, situarían o seu número en 30, o que faría de Rañalonga un conxunto tumular dos máis importante do país.

Sete destes túmulos foron atopados polo afeccionado  á arqueoloxía Moncho Pereira. Nunha tarde que visitamos algúns destes túmulos acompañounos o profesor Federico Silva Cobas, coordinador do libro “Nas raíces de Brión. As mámoas de Rañalonga”. O profesor coñece como ninguén os altos de Rañalonga e amosábase impresionado pola aparición destas novas mámoas, que implicarían segundo el, aumentar os límites da extensión da necrópole cara ao leste e ao norte.

As mámoas descubertas

Mámoa de Boaventura. Boaventura (Brión). Esta mámoa esta situada a 300 metros ao oeste das torres de Altamira e ao norte do lugar de Boaventura, na paraxe chamada monte do Muíño do Vento. Se consideramos que pertence ao conxunto de túmulos de Rañalonga sería sen dúbida a situada máis ao leste e nunha topografía distinta as demais, pois estaría en terreo de lixeira pendente cara o val da Amaía, a unha altitude de 275 m. Esta mámoa estaría inédita ata o mes de abril de 2018, cando se fixo visible na paisaxe por mor dunha corta de eucaliptos, como sucedeu coa mámoa recentemente catalogada do Monte da Pena ou de Morousos, na aldea de Carballo (Ames) moi perto da ruta xacobea a Fisterra ao seu paso pola costa do Mar de Ovellas. O túmulo de Boaventura ten un diámetro duns 15 metros e elévase do terreo 1,70 m. aproximadamente. Non ten esteos visibles, presenta gran cono de profanación e non amosa signos de estar cuberta con coiraza.

Mámoa de Boaventura. Brión

As mámoas do Chan do Coto. En terreos pertencentes á parroquia de Agrón (Ames) facendo límite co concello de Brión e moi preto da mámoa de Boaventura. Á que denominamos Mámoa 1 do Chan do Coto está moi achanzada, pero nótase ben o oco do cono de profanación e as dimensións circulares do seu túmulo, que poderían acadar uns doce metros de diámetro e unha elevación da contorna de 90 cm. Está nunha paraxe chan e a carón dun camiño, ao seu leste estarían dous enterramentos máis, que serían as mámoas 2 e 3 do Chan do Coto. A primeira foi atravesada por un suco feito por maquinaria pesada, tería uns 10 m. de diámetro e 1.5 m de altura. Amosa restos de coiraza, pois ao seu carón vese cachotería removida nas labores forestais. A número 3, está a 15 m. ao leste desta e sería dubidoso identificala como mámoa sen máis datos dos que amosa o terreo inzado de maleza. O considerable tamaño do seu túmulo duns 20 metros de diámetro, amosa certa deformación polo gran movemento de terra na súa contorna, que podería ser  froito dunha profanación por tres sitios distintos. Non obstante garda unha inclinación de grado moi homoxéneo no terreo  ao redor do que serían os ocos do centro da mámoa escavada para o saqueo.

A mámoa do Monte do Crego. Agrón (Ames). A mámoa foi descuberta por Federico Silva Cobas, director do proxecto interdisciplinar do I.E.S de Vigo Castelao  que deu lugar no ano 2009 ao libro “Nas Raíces de Brión. As Mámoas de Rañalonga”, editado pola Deputación da Coruña. Trataríase dunha gran mámoa que o profesor Silva cre que non está profanada, pois non existe no cume do túmulo ningún rebaixe en forma de cono. Está rodeada de carballos e un camiño pasa polo seu borde sur. No que sería o seu gran túmulo, dunha altura que podería acadar os 2 metros de altura e os 25 metros de diámetro, hai unha boa cantidade de tobas de animais. Non amosa cono de profanación e está moi visible na contorna. Moi cerca dela apareceron os petróglifos do Rego das Pías compostos por  conxuntos e aliñación de coviñas.

Mámoa do Monte do Crego

Mámoa do Souto de Gronzo. Boullón (Brión)
A mámoa presenta un túmulo duns 15 metros de diámetro e levántase da contorna 1,5 metros. Está en terreo de suave ladeira orientado ao leste cara ao lugar de Tembra, a unha altitude de 260 m. Amosa cono de profanación e restos de coiraza. Está cortada na parte noroeste por un camño forestal. Na actualidade o monte no que se atopa, así como o seu túmulo, está a ser plantado con eucaliptos. Distánciase 400 metros ao sueste da gran necrópole de Rañalonga, situada na chaira a 285 m. de altitude.

Mámoa do Souto de Gronzo cortada por unha pista forestal

Mámoa do Agro de Montouto I
Mámoa moi deteriorada polas traballos de plantación e corta de eucaliptos con maquinaria. Ten un túmulo dus 20 metros de diámetro e unha altura de 1 m., apréciase cono de profanación e sitúase en terreo de suave ladeira cara o camiño que pasa polo leste. Na súa contorna hai restos de cachotería de pedras con abundancia de seixo branco, que podería formar parte da súa coiraza. Estaría ao lado de outro posible enterramento de dimensión máis pequenas,  moi deteriorado e cuberto de toxo polo que se fai moi dificil poder definir o tamaño do seu túmulo. Estas dúas mámoas, atendendo aos planos do servicio cartográfico da Xunta, servirían de demarcación dos límites dos concellos de Ames e Brión. Esta mámoa, en concreto, pertencería a parroquia de Agrón en Ames.

 

Mámoa da Fadoira. Boullón (Brión)
O túmulo desta mámoa mide uns 10 metros de diámetro e levántase da contorna 1 metro aproximadamente. Presenta cono de profanación e debido a cantidade de materia vexetal que a cubre non se aprecian restos de coiraza. Está a unha altitude  de 285 m. e dáríalle continuación polo suroeste a necrópole da chaira de Rañalonga. Está á beira do camiño que atravesa este lugar arqueolóxico.

Mámoa da Fadoira

Mámoa do Foxo II
Situada ao nordeste da mámoa do Foxo I. Está nun bo estado de conservación debido a que está gorecida nun lugar onde medran uns carballos e non está utilizada para a plantación de eucaliptos.

Situación mámoa do Foxo II.

Esta Mámoa do Foxo II pertencería ás non catalogadas e dentro das chamadas “mámoas do oeste”. É unha das máis grandes de Rañalonga xunto coa mámoa do Foxo II. Ten un diámetro aproximado de 24 m . e una altura de 2.3 m. Presenta cono de profanación moi colmatado coa frouma dos carballos que lle medran no túmulo, o que a fai moi apreciable do terreo da contorna próxima, non se aprecian restos de dolmen. Esta mámoa, xunto coa do Foxo 1 a 60 m. ao oeste están ailladas dos outros grupos que forman a necrópole de Rañalonga.

Ubicación das mámoas de Rañalonga en google maps. En cor violeta as nomeadas neste artigo e que aumentarían o número das existentes na necrópole.

Mámoa do Foxo II

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...