fbpx
Perfíl no visor da Xunta do castro atopado en Becerreá con doble muralla / Xabier Moure

Descuberto en “moi bo estado” o primeiro castro con dobre muralla de Becerreá

Tempo de lectura: 2 min.

Imos de sorpresa en sorpresa. Hai pouco máis de quince días dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares dabamos a coñecer un novo castro en Becerreá, asentamento que a pesares de ser coñecido polos veciños e levar un topónimo claro (O Pico do Castro) non estaba catalogado.

A doble muralla do castro de Becerreá / Xabier Moure

Pois ben, agora vimos de documentar un novo castro na aldea de Tucende, na parroquia de Quintá de Cancelada, tamén do concello de Becerreá. Sorprendeunos que non figurara no catálogo da Xunta de Galicia porque se trata dun asentamento de manual. Situado nun outeiro que se eleva a 735 metros de altitude, é de forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 145 por 80 metros. Son moi visibles a muralla principal e os pronunciadísmos terrapléns que o delimitaban en todo o seu perímetro, a pesar de que o sitio foi utilizado secularmente para labores agrícolas e logo forestais.

Doble muralla

Obsérvase perfectamente, ademais dunha dobre muralla que ocupaba toda a parte sur-leste. Polo norte apréciase un foxo bastante alterado por unha pequena plantación de eucaliptos realizada non hai moito. A muralla principal, feita de terra e pedras, acada polo exterior uns 6-7 metros de altura. Este castro ten a particularidade de que é o único con dobre murlla do concello de Becerreá.

Perfíl no visor da Xunta do castro atopado en Becerreá con doble muralla / Xabier Moure

Como se pode apreciar na imaxe do relevo capturado do visor do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia (onde figuran os bens patrimoniais catalogados), en Tucende só aparece no inventario de Patrimonio a capela de San Pedro (delimitada cun círculo de liñas discontinuas). Xusto por riba apréciase o clarísimo asentamento castrexo (que nós delimitamos cun círculo continuo de cor amarela).

Escoura de ferro atopada no castro de Becerreá. Eran os restos de actividade metalurxica / Xabier Moure

Nas remocións de terra que se fixeron para a plantación dos eucaliptos localizamos abundante escoura de ferro en superficie (a escoura é a impureza que se separa do metal fundido ao golpealo cun martelo). O seu estado de conservanción sorprendeunos, é bastante bo. Dende o castro, a vista das montañas da Serra dos Ancares é espectacular.

Con este de Tucende, son 31 os castros localizados no concello de Becerreá. O de Tucende é o cuarto de maiores dimensións do municipio. O achado xa llo comunicamos a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

Pode que che interese...