fbpx
Petróglifo do Monte Castelo, en Ames / A Rula

Este é o maxestuoso petróglifo que gardaba o Monte Castelo de Ames, unha fortificación da Idade do Ferro

Tempo de lectura: 6 min.

Artigo remitido polo Colectivo A Rula

A localización de laxes con arte rupestre nos castros galegos non é, nin moito menos, un feito inusual. Tanto é así que uns dos petróglifos que primeiro chamaron a atención dos eruditos, a principios do século pasado, foron os localizados no castro de Santa Tegra [1], gravados que serviron de base para a elaboración de diferentes propostas cronolóxicas para esta manifestación cultural da nosa prehistoria por parte de distinguidos investigadores neste ámbito.

No heteroxéneo conxunto de petróglifos conservados en castros, ou no seu contorno inmediato, destaca cuantitativamente o  grupo de paneis compostos só por coviñas. A estes, en boa parte pola súa simplicidade, sempre lles acompaña unha indeterminación cronolóxica que levou ós especialistas a centrar a súa atención noutros conxuntos máis “académicos” para focalizar os seus estudos.

A imposibilidade de realizar sobre estes petróglifos de coviñas análises tipolóxicas complexas obriga a que o esforzo investigador se teña que concentrar no estudo de determinados aspectos tales como os soportes elixidos, a súa distribución territorial das laxes así como a distribución destas coviñas pola propia superficie das laxes. Porén, o valor achegado é, en moitas ocasións, de gran importancia pois permítenos afondar na  identificación de posibles patróns de comportamento, tanto no que se refire a elección dos soportes a gravar como na distribución interna dos motivos na superficie pétrea.

Monte Castelo 3. Detalle coa laxe mollada.

Consideramos que sería preciso avanzar unha necesaria terceira vía de investigación que aborde o estudo das posibles relacións entre os distintos soportes con motivos de distinta tipoloxía nos grupos rupestres conformados por varias laxes. Un bo exemplo é o do conxunto da Devesa da Rula en Villestro, onde, nun espazo moi reducido, atopamos laxes con motivos naturalistas, laxes con motivos xeométricos “complexos” e laxes só con coviñas producindo a sensación de estarmos diante dunha especie de “santuario” rupestre onde as distintas laxes teñen significados diferentes pero complementarios á súa vez.

Outro motivo polo que prestarlle a debida atención a laxes desta tipoloxía é que estamos a visibilizar só fragmentos, partes de afloramentos graníticos  como o que agora presentamos, no que boa parte da súa superficie permanece oculta. Deste xeito moitos petróglifos que inicialmente só rexistramos como “laxe con coviñas” (foi o caso do recentemente publicado petróglifo de Ventín,) posteriores traballos confirman a presenza dun repertorio maior de gravados. Debemos sinalar polo tanto que o feito de ter un coñecemento tan parcial de moitos dos petróglifos galegos catalogados fai que a clasificación tipolóxica dos motivos presentes nelas teña que ser aceptada só como provisoria e deba ser revisada.

Mais, para poder chegar a todo isto, é preciso comezar pola realización dunha descrición dos xacementos o máis detallada posible, notificar e solicitar a súa óptima valoración previa e posterior catalogación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e garantir a súa correcta conservación. Na procura do seu cumprimento é polo que agora presentamos unha nova laxe que localizamos hai uns días nas proximidades do castro de Monte Castelo, na parroquia amiense de Santo Estevo de Covas.

Localización

Coordenadas UTM 29 T 529888 4748608. Altitude 114 msnm. [2].

Sitúase no lugar de Castelo, na aba do monte onde se conserva o castro de Monte Castelo, na ladeira sur que descende cara o leste, ó encontro do Rego Luceiro, e a  escasos 200 metros da croa do xacemento.

Castro de Monte Castelo. Debuxo de Enrique Campo, xuño de 1909. Museo de Pontevedra.

Este poboado é un xacemento con características tipolóxicas propias da Idade do Ferro. Nunca foi obxecto de traballos arqueolóxicos, mais por desgraza sufriu graves alteracións polas obras de diversas construcións levantadas na segunda metade do século pasado (con posterioridade a 1957), concretamente varias vivendas con xardíns e edificacións auxiliares e ata un campo de fútbol, elementos que teñen modificado a súa fisionomía.

Presenta una croa de forma tendente a circular situada  no punto de inflexión dun rechán bastante amplo, o que  ocasiona que aquela estea lixeiramente inclinada de norte a sur. O parapeto defensivo que delimita a croa amosa una altura máxima, na face interior, de 2 m na zona noroeste, onde presenta unas mellores condicións de conservación. No norte e nordés foi profundamente alterado por medios mecánicos no  transcurso dos traballos de planta de eucalipto, mentres que no sur padeceu o achandado nas obras de construcción dunha casa. Ao oeste da croa, e a uns 40  de distancia do parapeto delimitador, existe un terraplén de forma semicircular, disposto concéntricamente a ela, que constitúe unha superficie aterrazada que ben poidera  corresponder a un antecastro. Na súa ficha de catalogación  faise a seguinte descrición:

A pouco máis de 400 metros ó norte atópase o petróglifo de Monte Castelo 1.

O petroglifo localízase nun espazo de terreo ocupado por unha plantación de árbores froiteiras. Consultando os distintos mapas do PNOA vemos que ata a remoción de terra para realizar a plantación, executada entre os anos 2010 e 2011, o terreo estaba ocupado por un piñeiral. Nas imaxes do voo americano de 1956-57 podemos ver a zona era  monte baixo ou pradaría e preto una ampla zona de prados e terreos de labranza. Tamén se pode apreciar a croa do castro, moi ben conservado naqueles tempos.

Na actualidade é un dos petróglifos, desta área, máis próximos ás terras baixas do val, a tan só 114 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Descrición

Consérvanse nun afloramento granítico de grandes dimensións situado a ras de chan. Trátase dunha laxe de gran fino e superficie horizontal moi homoxénea que se atopa cuberta de terra en máis de dúas terceiras partes da súa superficie.


Nas poucas superficies visibles localizamos un total de máis de 40 coviñas de distintas dimensións e distribuídas sen orde aparente, aínda que unha observación máis detida permite adivinar varias posibles aliñacións. Algunhas destas coviñas ordéanse seguindo as diáclases naturais (tamén cabe a posibilidade de que se trate de sucos antrópicos  moi alterados pola erosión que as unían).

De todos modos esta apreciación debe ser collida coa debida cautela pola súa subxectividade, pois, por outra banda, a laxe presenta tamén evidentes danos que poden ser derivados dos subsolados executados con maquinaria pesada produto dos traballos de plantación das froiteiras.Consideramos provisoria esta descrición posto que si analizamos a morfoloxía do afloramento pódese intuír que máis de dúas terceiras partes da laxe está tapada por unha fina capa de terra vexetal. Cremos que non é moi aventurado pensar que na superficie oculta se conserven máis motivos.

Esperamos que no futuro os traballos de rexistro e posta en valor desta área arqueolóxica nos permitan saír de dúbidas.

Monte Castelo 2. Deseño de Enrique Campo no 1909.

Por que Monte Castelo 4?

Pois porque, como xa contamos noutra ocasión, na excursión que realizaron aló polo ano 1909 Henrique Campo Sobrino e Henrique Mayer guiados por Óscar Lojo Batalla o excelente debuxante da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra debuxou dúas laxes con gravados, a redescuberta no ano 2015 e unha segunda que segue a estar perdida a día de hoxe. Esta laxe desaparecida, á imaxe da descrita neste post, estaría composta só por coviñas.

Por último está catalogada Monte Castelo 3 (GA 15002065), localizada  no ano 2016 no contorno inmediato de Monte Castelo 1, durante as tarefas de limpeza e restauración da estación número 1. Conserva dúas coviñas.

Unha alternativa que valoramos para a identificación da laxe é a posibilidade de que estivésemos diante de Monte Castelo 2, ou o que é o mesmo, que a laxe agora presentada fose a mesma que localizaron naquela mítica expedición Campo e compaña a principios do século pasado. Mais polos datos que dispoñemos (debuxos e descricións antigas) pensamos que son dúas estacións diferentes.

Notas.

[1]  Calvo, 1924; Jalhay, 1934; Mergelina, 1944.

[2] Datum WGS1984. Segundo consta no catastro sitúase no denominado “Agro das Leiras”.

Bibliografía.

Pode que che interese...