fbpx
Máquina apilando troncos sobre unha mámoa da necrópole de Peredelo / Patrimonio dos Áncares

Maquinaria das madeireiras esnaquiza nove mámoas dun enterramento neolítico de hai 5.000 anos

Tempo de lectura: 4 min.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de denunciar ante Patrimonio a agresión recente a nove mámoas situadas a ambos os lados da estrada comarcal LU-P-0708 que delimita os concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada, entre o Alto do Restelo e Louxas. Neste tramo, de pouco máis de 10 quilómetros de lonxitude, consérvanse 34 enterramentos do período Neolítico, cunha antigüidade que rondan os 5.000 anos.  Todos figuran catalogados por Patrimonio.

Das 34 mámoas que se conservan na actualidade neste tramo (ao menos outras 10 que había foron totalmente destruídas), unha vintena resultaron moi alteradas hai anos debido á apertura da propia estrada, camiños, traballos agrícolas e repoboacións forestais.

O primeiro enterramento agredido que detectamos atópase na necrópole megalítica da Campa das Penas de Monterrío. Trátase do dolmen de Ferreirúas (catalogado co código GA27034001), o único da comarca dos Ancares que conserva practicamente completa a cámara funeraria de pedra. Ademais, foi o primeiro da comarca dos Ancares en ser estudado por don Enrique López Fernández nos anos oitenta do pasado século. Na súa área de protección apilaron troncos de piñeiros recén cortados (que tamén obstrúen un camiño) e nos arredores obsérvanse as rodeiras de maquinaria pesada. Na mesma necrópole, pero ao outro lado da estrada, destruíron totalmente dúas mámoas ao remover a terra e as pedras dos túmulos con maquinaria pesada para a posterior plantación de eucaliptos (códigos no catálogo GA27018005 e GA27018006).

Unha tala de piñeiros

Unha tala de piñeiros foi a responsable da agresión a outras dúas mámoas da necrópole da Campa do Gaiteiro, situada a carón da mesma estrada. Unha foi practicamente arrasada e na outra aprécianse profundas gabias producidas, tamén, por maquinaria pesada (códigos no catálogo GA27018001 e GA27018253).  

Ao outro lado da estrada, pero na necrópole do Pico de Guencio, sobre unha enorme mámoa chantaron un poste de cemento ao que lle pintaron uns números, ademais de ocasionarlle profundos buratos na parte alta do túmulo (código no catálogo GA27034004).

Continuando pola estrada, na necrópole do Peredelo, as tres mámoas que forman o conxunto resultaron agredidas pola tala de piñeiros e o transporte destes utilizando maquinaria pesada (códigos no catálogo GA27018007, GA270018008 e GA27018048).

Todas as agresións  son recentes, mesmo no día de onte (25 de febreiro) vimos traballar as máquinas sobre algunhas das mámoas citadas.

Mámoa arrasada por maquinaria da madeira na necrópole da Campa do Gaiteiro /Patrimonio dos Ancares

Gravidade

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares consideramos de suma gravidade estes feitos, polo que nos diriximos a Patrimonio solicitando se nos informe, primeiro, se se solicitou a correspondente autorización para efectuar traballos de tala e plantación de árbores na área de protección das mámoas (a área de protección é de 200 metros). En segundo lugar, con independenza de si se concedeu ou non dito permiso, presentamos denuncia polas agresións a uns bens patrimoniais catalogados, e polo tanto protexidos. Cómpre aclarar que non presentamos só unha denuncia, senón que cursamos UNHA DENUNCIA POR CADA MÁMOA AGREDIDA xa que se trata de elementos patrimoniais distintos e cada un deles goza, segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, de protección individual.

Segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de maio de 2016, as sancións por faltas graves van dende os 6.000 aos 150.000 euros, e as moi graves dende os 150.000 a 1.000.000 de euros por cada ben alterado ou destruído.

Madeira apilada xunto un dolmen da necrópole da Campa das Penas de Monterrío / Patrimonio dos Ancares

Que se aplique a lei

Esperamos que Patrimonio aplique a Lei ao pé da letra, non se pode permitir que día si e día tamén teñamos que asistir a este tipo de atentados contra un patrimonio que é de todos. Moi baratas lle deben saír as sancións aos responsables porque, a pesares das denuncias e das multas, continúan a arrasar con todo, ríndose da Administración e da Lei, unha Lei como calquera outra pero que semella estar feita para non cumprirse.

Na zona antedita, e noutras da comarca, van a continuar coa tala e a plantación sen control de árbores, tanto piñeiros como eucaliptos, en lugares con bens arqueolóxicos protexidos. Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares imos estar moi atentos e, se se producen novas infraccións en mámoas, petroglifos e castros (os bens máis vulnerables), continuar a denunciar este tipo de actuacións. Aquí non cabe alegar descoñecemento, si premeditación, a existencia das mámoas anteditas e a situación legal é coñecida por todos, tanto particulares como administracións, polo que saben que teñen a obriga de solicitar permiso para facer calquera tipo de actuacións e nunca, NUNCA, estas poder afectar ao ben patrimonial.

Poste e gabias sobre unha mámoa do Pico de Guencio / Patrimonio dos Ancares

Turismo patrimonial

Para rematar, o turismo asociado ao patrimonio arqueolóxico está cada vez máis demandado polo gran público, no ano 2018 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, sós ou en colaboración con outras asociacións, movemos a case 1.000 persoas pola comarca. Por iso, as administracións deberían ser as primeiras e preocuparse por poñer en valor este e outro patrimonio. Sabemos que o turismo por si só non vai a solucionar os graves problemas que afectan á comarca dos Ancares, para iso precísanse políticas máis globais, pero si pode axudar a dinamizala.

Por último, vimos de recibir de Patrimonio a comunicación de que o castro de Tucende, en Becerreá, que documentamos este mesmo mes, despois de ser visitado polos técnicos da Xunta, xa figura no Inventario de Bens Culturais.

Fotos: 1.:Mámoa arrasada na necrópole da Campa das Penas de Monterrío. 2: Pluma apilando troncos sobre unha mámoa da necrópole de Peredelo. 3: Árbores taladas por riba dunha mámoa da necrópole de Peredelo. 4: Rodeiras de maquinaria pesada e troncos sobre unha mámoa de Peredelo. 5: Mámoa arrasada na necrópole da Campa do Gaiteiro. 6: Poste e gabias sobre unha mámoa do Pico de Guencio. 7: Madeira apilada xunto un dolmen da necrópole da Campa das Penas de Monterrío.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...