fbpx
Detalle das pinturas en Santalla de Bóveda / foto Lameiro WikimediaCCBy

O misterio de Santalla de Bóveda: dende santuario priscilianista a oráculo adiviñatorio

Tempo de lectura: 2 min.

O templo de Santalla ou Santa Baia de Bóveda é un dos achados arqueolóxicos máis singulares pero tamén máis desconcertantes de Galicia. Un templo abovedado con columnas de mármore no seu interior, indescifrables relevos nas súas fachadas, unha piscina no seu centro e singulares pinturas murais que reproducen aves como faisáns, pombas, galos e gansos picando piñas ou acios de uvas.

Foi descuberto xa vai máis dun século, en 1917 polo párroco do lugar de Santalla, en Mera, preto de Lugo, José María Penado. Foi escavado pouco despois, en 1926, por Luis López-Martí tras a chegada da nova á Comisión de Monumentos Histórico-Artísticos de Lugo. Durante a escavación derrubouse parte da bóveda, dándolle a singular imaxe que ten hoxe en día. No ano 1931 foi declarada Monumento Nacional.

Mais dende a súa descuberta desconcertou de certo ós investigadores. Pois se ben existe unanimidade ó redor das súas datas, entre os séculos II e IV d.C., e da súa localización no mundo tardorromano, non aconteceu o mesmo sobre a súa función, xa que non existe polo menos na Península Ibérica nada semellante. So se coincide na súa orientación pagá.

Interior do templo romano de Santalla de Boveda / galipedia

E é que para o lugar se verteron as teorías máis diversas, dende o propio enterramento de Prisciliano, lugar para curacións ou enterramento, ata un oráculo adiviñatorio no que o chiar de aves vivas puidera predicir a sorte dos visitantes. Mais entre as teorías máis recoñecidas estaría a de ser un templo ben á deusa Mitra, deidade protectora dos soldados romanos e devoción xa constatada en Lugo, ben a Cibeles, deusa asociada a algúns motivos difusos da decoración.

Os relevos con mulleres danzando baixo un palio, o que semellan leóns ou homes tolleitos, ou estelas atopadas no lugar, non axudan para nada a entender o sentido do xacemento. Pode ser incluso que foran varias as diferentes funcións ó longo do tempo e o que si semella claro tamén é que pola súa riqueza decorativa debeu de ser un lugar de gran importancia durante non pouco, se cadra un lugar de gran atracción.

Detalle das pinturas en Santalla de Bóveda / foto Lameiro WikimediaCCBy

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...