fbpx
Cervos e barco do petróglifo de Auga dos Cebros, en Padernes, Oia / acient-origins.es

O petróglifo que amosa unha nave mediterránea do II milenio A.C. e é único no arco atlántico terá unha réplica

Tempo de lectura: 3 min.

A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, a Comunidade de Montes Veciñais e en Man Común de Pedornes e a Asociación Costa dos Castros manteñen contactos con vistas a desenvolver unha nova actuación en Auga dos Cebros, neste caso para poder elaborar unha réplica deste singular petróglifo do concello de Oia.

O obxectivo deste traballo conxunto é o de poder levar a cabo unha limpeza do afloramento no que se atopa o gravado para a posterior elaboración dunha réplica deste petróglifo situado en monte comunal de Pedornes, nas proximidades do regato Vilar. Ademais das tarefas de carácter técnico, a actuación terá un importante enfoque divulgativo e participativo.

Neste contexto, unha delegación da Escola -composta polos profesores José Antonio Quinteiro, Ángela López, Fernando Carrera e Álvaro Arizaga- acompañada por membros da Asociación Costa dos Castros e da comunidade de montes de Pedornes vén de facer unha visita á contorna do regato Vilar para observar os gravados prehistóricos e explorar as posibilidades de actuación.

A finalidade última de contar cunha réplica fiel de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.

Vista de integrantes da Escola de Conservación de Pontevedra ao petróglifo Auga dos Cebros

Caderno divulgativo

O petróglifo de Auga dos Cebros ten sido obxecto de diversas actuacións nos últimos anos, con iniciativas como os labores de limpeza vexetal con control arqueolóxico realizados en 2017 na contorna do río Vilar, nunha zona coñecida como O Viveiro. Esta actuación, promovida pola comunidade de montes de Pedornes, foi posible grazas aos fondos obtidos nunha campaña de crowdfunding lanzada por Costa dos Castros.

Por outra parte, a finais de 2018 Costa dos Castros editou un caderno divulgativo sobre os petróglifos da contorna do río Vilar que inclúe información sobre Auga dos Cebros. A publicación contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra (axudas para dinamización da lingua dentro do Ano da Lingua).

Os cadernos están a disposición das persoas interesadas na Oficina de Turismo de Oia e poden recollerse de mércores a domingo en horario de 10.00 a 17.30 horas.

Recreación da embarcación de tipo micénico do petróglifo Auga dos Cebros, de Oia / Talaso Atlántico

O singular petróglifo de Auga dos Cebros

O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais e de Man Común de Pedornes, no lugar de O Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea.

Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.

A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.

Pode que che interese...