Un artigo de Lourenzo Fernández Prieto saca á luz a relación da xuíza que instruíu o caso das esculturas do Mestre Mateo cos Franco
Carrero Blanco e o secretario de Franco estiveron na voda dos pais da xuíza que ditou sentenza a favor da familia Franco no caso das esculturas do Pórtico da Gloria. Así o afirmaba o doutor en Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto nun artigo de opinión publicado por La Voz de Galicia o pasado día 19 de febreiro. Nel facíase unha profunda reflexión sobre a interpretación da historia e a súa relación co dereito, e apelábase entre liñas a proximidade da súa familia co entorno do ditador.
E é que o historiador tan so precisou achegarse a diversos medios do momento para comprobar como na voda dos pais da xuíza Adelaida Medrano Aranguren, estiveron presentes diversas personalidades da época:
“O emprego das coleccións do ABC, do ¡Hola! e do BOE para identificar estas redes permite atopar como testemuñas na voda do capitán Medrano e a señorita Aranguren en 1962 ao secretario particular e curmán do ditador Francisco Franco, Salgado Araújo, Pacón, ademais de Luis Carrero Blanco, Camilo Alonso Vega ou Agustín Muñoz Grandes, entre outros xerarcas da ditadura. Estaban alí porque Carmelo Medrano, pai do noivo, subsecretario do Ministerio do Exército naquel momento, era un dos seus”.

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco
Adelaida Medrano Aranguren, é a xuíza que instruíu o caso e que lle deu a razón á familia Franco no tocante á propiedade das esculturas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria. Fíxoo nunha controvertida sentenza na que entre outros argumentos daba verosimilitude ó relato da tradición oral da familia ou na que se chegaba a dubidar de que realmente as dúas esculturas pertenceran ó propio pórtico.