fbpx
Movemento de tropas durante a etapa final da revolta irmandiña

A batalla final dos Irmandiños

Tempo de lectura: 3 min.

A Revolta dos Irmandiños foi unha revolta social que tivo lugar en Galicia entre os anos 1467 e 1469. Comezou na primavera de 1467 para loitar contra os abusos  dos señores feudais nunha situación de crise e profunda inxustiza social. A revolta popular estaba formada por labradores, xente das cidades, baixa nobleza fidalguía e incluso algúns membros do clero. Os xefes do movemento pertencían fundamentalmente a baixa nobreza, Pedro Osorio na comarca de compostela, Alonso de Lanzós no norte de Galicia e Diego de Lemos no sur da provincia de Lugo e norte de Ourense.

A Irmandade Xeral xurdeu de mans de Alonso de Lanzós co apoio das cidades de A Coruña, Betanzos, Ferrol e Lugo que actuaron como motores iniciais do movemento. Os nobles, donos das fortalezas, foron o principal obxectivo das irmandades, principalmente, as famillias Lemos, Andrade e Moscoso. Tamén os encomendeiros das principais igrexas e mosteiros. O seu empuxe inicial colleunos por sorpresea. De feito, os irmandiños destruiron cerca de 130 castelos e fortalezas durante os dous anos que durou a revolta.

Toda a vila cos Irmandiños / foto HdG

O arcebispo Fonseca, Pedro Álvarez de Soutomaior e Xoán Pimentel fuxiron cara Portugal, o conde de Lemos e Pardo de Cela refuxiaronse en Ponferrada. Ante esta situación os señores feudais exiliados decidiron organizar o seu retorno e preparar un contraataque contra os sublevados irmandiños. Segundo Vasco de Aponte, na primavera de 1469 Pedro Álvarez de Soutomaior  reuniuse en Monçao co Arcebispo Fonseca e con Xoán Pimentel e acordaron reunir as súas tropas nas proximidades de Santiago de Compostela. Segundo nos conta Vasco de Aponte, Pedro Álvarez de Soutomaior, no seu traxecto cara Santiago a través do Camiño Portugués, enfrentouse ós viláns no castro da Framela. O castro da Framela pode facer alusión ó castro de Framil, no concello de Ames, ás portas da cidade de Santiago e ó outro lado do río Sar. Tamén pode facer referencia ó lugar de Fraela, no concello de Mos, e no camiño que conectaba a cidade de Vigo coa Depresión Meridiana. En castro Gundián, no concello de Vedra e na ribeira do río Ulla, enfrentáronse os irmandiños coas tropas do conde de Lemos procedentes de Ponferrada.

Segundo o preito de Tabera-Fonseca, unha documentación xudicial en castelán que recolle numerosas testemuñas –curiosamente a trasnscripción está en castrapo–, a batalla final contra os irmandiños aconteceu no lugar de Balmalige, nas cercanías de Santiago de Compostela. Balmalige supoñemos que é unha deturpación en castelán de Val Merige, o val de Merelle, no concello de Trazo e ó outro lado do río Tambre. Alguén relacionou etimolóxicamente e erróneamente Almáciga co término Balmalige. Despois da batalla de Balmalige o arcebispo Fonseca foi ferido no asedio de Santiago.

Lugares onde tiveron lugar as últimas grandes batallas da revolta irmandiña

Polo visto anteriormente, o río Sar, o río Ulla, e o río Tambre convertéronse en barreiras defensivas naturais utilizadas polos irmandiños contra o avance dos exércitos dos señores feudais. Unha vez foron derrotados na contorna de Santiago e neutralizadas as vías de abastecemento, tan só restaba o asedio desta cidade. Pero iso xa merece outra historia.

Escrito por

Arquitecto, historiador e investigador

Pode que che interese...