Cuntis / foto Concello de Cuntis

Así é o enterro do Chapante de Cuntis e a exaltación dun dos animais totémicos de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Para as xentes de mar de Galicia velar á sardiña, levala en procesión polas rúas e enterrala con gran magoa é algo que poden entender á perfección. Rematado o entroido, é momento de enterrar os excesos deste tempo e prepararse para a coresma. Máis para a xente do interior, o enterro da sardiña é substituído en non poucas ocasións por outro tipo de personaxes. Para moitos un meco, representando diferentes formas, tal e como comentábamos estes días, para outros, como o Concello de Cuntis, o característico personaxe que se vela, se chora e se enterra no entroido é o Chapante.

Máis quen é o Chapante? Antes que nada temos que dicir que o Chapante ven dunha das mellores facetas do entroido, a que permite sacar o mellor de un e parodiar e rirse dun mesmo. Así, tal e como as propias xentes de Cuntis declaran “chapante é como nos chaman ós da vila, pola fama que temos de que nos gustan as comilonas“. E é por isto que non hai mellor forma de representar ó Chapante da vila que coa caricatura dun porco.

Un Chapante ou lambón

E é que foi no ano 2oo7 cando Cuntis recuperou a figura do Chapante. Daquela agrupacións e veciños organizáronse para recuperar esa vella figura do entroido. Do mesmo xeito que noutras moitas localidades se fai coa sardiña, unha comitiva fúnebre laia a morte do zoomórfico personaxe, que, ó final da festa, é queimado. Dende aquela, moitos dos actos do entroido desta vila termal de Galicia xiran ó redor deste personaxe.

Precisamente foi tamén naquel ano 2oo7 cando o Concello decidiu darlle tamén un pulo novo a unha antiga festa emparentada moi de preto co entroido, a Festa do Lacón con Grelos. O porco, e a presunta faceta chapante das xentes da vila volve ser protagonista da festa, que se fai precisamente todos os anos o primeiro domingo despois do entroido. É precisamente ese día cando se procede ó enterro do Chapante.

A edición deste ano, -o programa podedes consultalo neste link-, terá música tradicional, artesanía, desfiles tradicionais de entroido, teatro e espectáculos infantís. Contará tamén co pregón de Xosé A. Touriñán e coa actuación de The Bichos Jazz Band e A Banda da Loba. Tamén comida a fartar na que o protagonista será o totémico animal galego e os grelos do país. Iso si, e con razón, ó rematar a xornada haberá un gran duelo polo amigo porco, co seu velotorio e o tradicional enterro.

Lacón con grelos / Concello de Cuntis

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: