Outra necrópole megalítica de 6.000 anos arrasada entre Cerdedo e A Estrada pola construcción dunha pista
O pasado domingo, membros do colectivo Capitán Gosende desprazámonos até as inmediacións do vértice interparroquial de Quireza (Cerdedo) e Codeseda-Sabucedo (A Estrada) co obxectivo de localizar a necrópole megalítica do Marco do Feal e dar testemuño do seu estado de conservación.
A denominación Marco do Feal foi a escolleita por Patrimonio para a catalogación deste xacemento (ano 2001). Segundo a web “Información xeográfica de Galicia” (mapas.xunta.gal), a intersección dos devanditos lindes parroquiais situaríase a uns 240 m, ao noroeste, do centro do conxunto tumulario. Coidamos que, de aínda existir o “marco” (cecais, pedrafita), fincaríase alí onde cadrar esta tripla e inmemorial estrema. “Feal” é fitotopónimo, abundancial de feo (lat. foenum): terreo onde medra ou se sementa o feo (herbáceas forraxeiras).
O cemiterio neolítico do Marco do Feal componse de, cando menos, seis mámoas. Catro localízanse en territorio de Quireza (Cerdedo), ao sur, e dúas en terra de Codeseda (A Estrada), ao norte. A liña divisoria riscase polo medio do antigo chan funerario. Dúas pistas forestais escolleron a chá tumularia para converxer.
Conxunto
Como xa dixemos, o xacemento cerdedense foi catalogado por Patrimonio coa denominación “Marco do Feal”. Do outro lado da raia, a escasos metros, o xacemento estradense foi catalogado coa denominación “A Espiñeira”, segundo consta nos planos de localización dos xacementos arqueolóxicos do PXOM estradense (folla S1-50). O PXOM da Estrada sitúaas na parroquia de Sabucedo, pero estar, están en Codeseda. As coordenadas xeográficas rexistradas no PXOM están erradas.
No tocante ás mámoas da banda de Cerdedo, enumeramos e engadimos coordenadas certas: Mámoa 1 do Marco do Feal (coordenadas.- X: 546.469; Y: 4.715.533; alt. 583 m – código: GA36011047). Mámoa 2 (coordenadas.- X: 546.527; Y: 4.715.539; alt. 584 m – código: GA36011048). Mámoa 3 (coordenadas.- X: 546.528; Y: 4.715.534; alt. 586 m – código: GA36011049). Mámoa 4 (coordenadas.- X: 546.534; Y: 4.715.557 – código: GA36011050).
No tocante ás mámoas da banda de Codeseda, enumeramos e engadimos coordenadas certas: Mámoa 1 da Espiñeira (coordenadas.- X: 546.565; Y: 4.715.611; alt. 587 m – código: GA36017155). Mámoa 2 (coordenadas.- X: 546.515; Y: 4.715.565; alt. 584 m – código: GA36017156).
Na nosa excursión fomos quen de atopar tres das catro mámoas do lado de Quireza e, a maiores, as dúas mámoas do lado de Codeseda. Moi ao noso pesar, constatamos que dous túmulos do conxunto de Cerdedo foran arrasados.
A descrición do estado de conservación que de cada unha das catro mámoas cerdedenses fixeran os técnicos de Patrimonio en 2001 xa evidenciaba a desfeita: “xacemento gravemente alterado por causas agrícolas e/ou forestais”.
Mámoas destruídas
Dezaoito anos despois, os de Capitán Gosende informamos que na necrópole megalítica do Marco do Feal (uns 6.000 anos de antigüidade), a Mámoa 3 (GA36011049) e a Mámoa 4 (GA36011050) foron total ou parcialmente destruídas. As coordenadas consignadas para a Mámoa 3 leváronnos ao sitio certo, mais, sobre o terreo, foi imposíbel a súa identificación.
A Mámoa 1 do Marco do Feal ten uns 17 m de diámetro e un cráter de violación duns 4’50 m de diámetro. O túmulo está cuberto de herbáceas e algún piñeiro. A Mámoa 2 posúe un diámetro de 17 m e un cráter de 5 m. O túmulo está cuberto de matogueira. A Mámoa 3 non foi factíbel localizala. No sitio, a maquinaria forestal (repoboación de piñeiros) abriu grandes regos, achandando, ben seguro, o montículo da sepultura. Numerosos cachotes de granito e seixo branco e pardo, pertencentes á coiraza do megálito, espallánse pola zona. A Mámoa 4 foi devastada coa apertura dunha pista forestal de 7 m de ancho. Enriba dos vestixios do túmulo medra un eucalipto, triste metáfora do país.
Provoca carraxe comprobar como no mapa do PXOM cerdedense (plano nº 0-3-2), a Mámoa 4 figura en solo clasificado de “protección do patrimonio” e, ao mesmo tempo, no medio e medio dunha pista forestal que a levou por diante. A mesma protección velaba pola Mámoa 3. De que serviu?
Pista forestal
A pista forestal que arrasou a Mámoa 4 do Marco do Feal tamén afectou á Mámoa 2 da Espiñeira. A Mámoa 2 da Espiñeira ten uns 15 m de diámetro e un cráter de violación duns 2’50 m de diámetro. O túmulo está cuberto de herbáceas e matogueira. Ortostatos visíbeis. A Mámoa 1 da Espiñeira, á marxe dun camiño tradicional, posúe 17 m de diámetro e un cráter de 5 m. A superficie do túmulo foi rozada hai pouco. Enriba xa lle medran bos carballos.
A necrópole Marco do Feal-A Espiñeira vincúlase con outros tres túmulos rexistrados á beira do citado camiño tradicional que, dende a encrucillada de pistas que secciona o cemiterio prehistórico, vai confluír, 1.700 m na dirección nordés, coa estrada PO-7102, a pouco máis dun quilómetro da aldea de Sabucedo (códigos: GA36017154, GA36017153 e GA36017152).
As mámoas, mamoelas, mamoíñas, modias, medoñas, minas, moutas, medorras… e a cámara mortuoria que agochan (anta, arca, campa, casota, forno, gurita, pedramoura…) son coma botellas de pedra que, dunha beira á outra do tempo proceloso, aboian unha mensaxe dos antepasados. Temos a obriga de gardar a integridade do recipiente á espera de que mans expertas poidan tirarlle a rolla e nos desvelen, por fin, o seu misterio.