fbpx
Recepción de Castelao na Real Academia Galega na cidade da Coruña no ano 1934 / foto CC0PD Wikimedia

Que teñen en común Luís Tosar, Morris ou Rosa Fernández con Castelao, Fole ou Rosalía?

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta inaugurou este mércores  ‘Recreando personaxes’, unha exposición que realiza un percorrido histórico e literario a través dos actores e actrices do audiovisual galego que se poñen na pel de coñecidas figuras históricas e literarias. Con este fin, reúne 152 fotogramas protagonizados por 48 actores, 31 actrices e oito personaxes de animación en 71 títulos de cinema e televisión, dos cales 46 son producións galegas.

A mostra ofrece un percorrido polo audiovisual galego desde os anos trinta do século XX ata a actualidade. Tal e como explicou Marta Villar, divídese en catro seccións principais. A primeira delas pon o foco nos traballos interpretativos e comeza por dous actores do cinema internacional nacidos en Galicia: María Casares e Fernando Rei que, entre outros, déronlle vida á duquesa Gina de Sanseverine de ‘A cartuxa de Parma’ ou a Don Quixote.

Neste primeiro apartado da exposición inclúense fotogramas de Luís Tosar, María Vázquez, Antonio Durán ‘Morris’, Celso Bugallo, Luís Zahera, Manuel Manquiña, Marta Larralde ou Rosa Álvarez.

A segunda sección fai referencia á literatura e céntrase principalmente en adaptacións cinematográficas de autores galegos como Castelao, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Manuel Rivas, Wenceslao Fernández Flórez ou Eduardo Branco Amor.

O terceiro apartado céntrase na construción e expansión do Camiño de Santiago con títulos audiovisuais como ‘O final do Camiño’, ‘Camiño de Santiago: A Orixe’, ou a película de animación ‘O Apóstolo’. Tamén se recollen dous traballos televisivos ambientados na Galicia de finais do século XVIII (‘Hospital Real’) e na posguerra e ditadura franquista (‘Os fillos do sol’) e fai referencia ao pasado máis recente coa película ‘Heroína’ e a serie ‘Fariña’.

MULLERES

A última sección fai un percorrido polas mulleres da cultura e historia de Galicia que recentemente foron inmortalizadas polo audiovisual galego a través de catro producións de Zenit TV: ‘Contou Rosalía’; ‘Juana de Veiga, a condesa do arado’; ‘Concepción Arenal, visitadora de cárceres’; e ‘Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde’.

Pode que che interese...