Queres axudar a que restos de represaliados do 1936 volvan coas súas familias?
Fai máis de 80 anos do negro verán de 1936 e, aínda que sigue habendo quen non quere “abrir vellas feridas”, as novas tecnoloxías e a vontade de particulares pode permitir que algúns familiares consigan o que non se conseguiu nestas oito décadas. Este é o caso de 17 exhumacións en tres fosas do concello de Guitiriz e unha en San Vicente das Fervenzas, Aranga. Para elas a Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos do Franquismo (ARDF) pretende desenvolver un crowfunding que permita devolverlle os restos dos seus, ós seus familiares.
E é que no verán de 1936, moitos dos asasinados na zona da Coruña ou Ferrol eran enterrados en fosas comúns en pequenas localidades do interior. Este foi o caso dun cargamento procedente de Ferrol que foron enterrados nunha fosa común do cemiterio de Santa María de Lagostelle, xunto con outras tres localizacións dos actuais concellos de Aranga e Guitiriz. Dende o ano 2011 a asociación estivo a investigar ata conseguir identificar os diferentes lugares, e neste 2019, tratarán de buscar financiamento a través de crowfunding para exhumalos.
Unha vez exhumados, practicaráselles as probas de ADN e un estudo antropolóxico, para posteriormente, dignificalos a todos como vítimas do franquismo e inhumalos como corresponde. “Nós, os profesionais, non cobramos salario algún, todo o diñeiro entregado será para aloxamento de todo o equipo, manutención, compra de caixas fúnebres, materiais distintos, probas de ADN, estudo antropolóxico, e se se puidese, inhumalos, xa que os seus familiares quérenos todos xuntos, con respecto e dignidade”, indican os promotores da iniciativa.
Os traballos darán comezo o día 08 de xullo de 2019 en Santa Mariña de Lagostelle, Guitiriz, para pasar posteriormente, exhumar dúas fosas comúns máis en Fervenzas, A Coruña. Na páxina web da asociación poden lerse os nomes dos desaparecidos.