O Lanzo da Cruz: As cruces galegas e portuguesas que se bican no medio do río Miño desde hai séculos
O pasado luns 22 de abril a parroquia de Sobrada (Tomiño- Galicia) e a freguesía de Cristelo Côvo (Valença do Minho- Portugal) celebraron o tradicional encontro do “Lanzo da Cruz”. Unha cita que ten acadado unha dimensión exterior destacada e espertado o interese da comunidade científica polo seu valor antropolóxico.
O Lanzo da Cruz é unha cita co río Miño compartida polas dúas comunidades da ribeira. Festexan a importancia do Miño nestas comunidades reproducindo o antigo ritual dos lances de cruz. Os lances son un ritual no que o párroco bendice aos barqueiros e as súas redes para que teñan boa pesca e o Miño “non cobre o seu foro” (o foro entendido como a morte). A cambio, os barqueiros ofrécenlle ao párroco a primeira lamprea do lance.
Tradición centenaria
Os lances de cruz é unha práctica que se viña realizando dende hai varios séculos ao longo do último treito do río Miño e que na actualidade só se celebra na parroquia de Sobrada e na freguesía de Cristelo Côvo. Ambas marxes comparten tradición e celebran os vellos rituais como antano, no luns de Páscoa. Unha cita que festexa o ancestral mundo dos pescadores no que o relixioso e o pagán van collidos da man.

Primeira lamprea pescada no Lanzo da Cruz / Pili Reñones
É o Lanzo da Cruz unha cita transfronteiriza na que ademáis do tradicional lance, as poboacións de ambas marxes cruzan ao río festexando a amizade que as une, facendo deste encontro unha festa da fronteira. O párroco galego en procesión polo río visita a marxe portuguesa, onde dá a bicar a cruz. E o párroco portugués fai o mesmo na marxe galega.
Unión de fronteiras
“A simbiose dos elementos históricos coa modernidade, fan desta romería un acto singular e que representa a excepcionalidade da fronteira baixomiñota. Unha cita única que reúne todos os anos a veciñanza de ambas marxe e a turistas que non queren perderse unha data senlleira”, apuntan desde a Asociación Lanzo da Cruz.
A tradicional romería, un ano máis, contou coa numerosa asistencia dos veciños e veciñas de ambas marxes que pese a choiva non quixeron faltar a unha data tan sinalada no calendario local. A romería, ademáis, foi amenizada polo grupos musicais Treboeiros da Muimenta, Os Chucos e a charanga A Tu ritmo. E contou co habitual desfile de tractores e chimpíns dende o cruce dos Escampados até o río a onde se desprazaron os veciños e veciñas.
Xa a noite, a romería tocou o seu fin no Cruce dos Escampados onde a Asociación Lanzo da Cruz, a organizadora do evento, convidou aos veciños e veciñas a unha chouriza dando por rematado o Lanzo da Cruz 2019.