fbpx
O barrio do Berbés / detalle dun panel informativo, Concello de Vigo

Polémica en Vigo a conta dos informes sobre patrimonio: “Que risco arqueolóxico ten escavar 20 centímetros”

Tempo de lectura: < 1 min.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este venres novas “paralizacións” de obras na cidade por parte da Xunta, “por pura política electoral” e “sen ningunha razón”, tal e como recolle Xornal de Vigo. Así, afirmou nunha rolda de prensa que a administración autonómica paraliza actuacións de asfaltado e pavimentación nas rúas Areal, Vitoria, Luís Taboada e Carral por cuestións arqueolóxicas.

Segundo explicou o rexedor, as obras consisten en levantar o actual firme e substituílo por unha nova capa de asfalto, nunha actuación duns “20 centímetros” de grosor. “Que risco arqueolóxico ten iso?“, preguntouse Caballero, quen cualificou de “escándalo” a posición da Xunta.

A ese respecto, precisou que a arqueóloga municipal desestimou que sexa necesaria a realización de catas, e lembrou que o Concello xa actuou na Praza de Compostela, levantando o asfalto “ata 80 centímetros” e, nese momento, o goberno galego non expuxo esas cautelas.

Xunta

Pola súa banda, a Xunta de Galicia dixo que esas criticas “non teñen ningunha razón” e asegurou que “se están tramitando os expedientes de acordo co previsto na lei“. “Actuamos para garantir que non se producen danos ao patrimonio histórico dos vigueses“, dixo o delegado da Xunta que recalcou que o goberno galego actuou “igual que no resto de concellos de Galicia“.

Pode que che interese...