fbpx
Proxecto para o novo Conxo

Polémica pola desaparición de árbores centenarias e de elementos históricos na nova “praza do Obradoiro de Conxo”

Tempo de lectura: 2 min.

Para moitos, o único que neste momento sobra na actual praza que antecede ó mosteiro de Conxo, en Santiago de Compostela, son os vehículos aparcados sobre un espazo histórico de pedra e lama que podería ser sen máis reparado. Mais a Xunta de Galicia, tal e como anunciaba en xullo de 2018, e como xa recollemos daquela, quere construír neste lugar “un pequeno Obradoiro”. Trátase dunha gran praza aberta que unifique os diferentes espazos e ofreza a veciños e visitantes un amplo espazo de lecer diante do mosteiro.

O proxecto, dado a coñecer vai algo máis dun mes, e do que xa demos conta tamén no noso xornal, non ten en conta algúns elementos que fan do actual conxunto de espazos que precede ó mosteiro un lugar xa especialmente monumental. O primeiro deles, e o que máis rebumbio está a desenvolver nas redes sociais é a perda das súas centenarias árbores. Son dúas coníferas de máis de 20 metros, un teixo e varios plátanos que, a pesares da súa radical poda, rondarían o medio século de historia.

Se ben os dous primeiros poderían ser anteriores, coetáneos a algunha das reformas do mosteiro, os plátanos seguramente datarían da época na que se renovou parte do enlousado que o antecede. Polo seu deseño parece ser da época do arquitecto Pons-Sorolla e Arnau, remontándose a mediados do século pasado, e que tamén desaparecerá coa nova obra. Desaparecerán tamén as bancadas, muros e enlousados que rodean o antigo adro, así como os podios que rodean os xardíns.

Así, algúns veciños da cidade, dende que se coñece o proxecto, deron a voz de alarma pola perda das históricas árbores, á que despois se foron sumando as voces de alerta pola perda dos diferentes elementos históricos. Árbores e bancadas serán substituídos por novas plantacións de árbores que tardarán décadas en medrar, e bancos modernos que, a diferencia dos actuais, non “estorbarán” ó espazo amplo e diáfano que se pretende construír. O novo proxecto foi cualificado por Ethel Vázquez como un “pequeno Obradoiro dentro do barrio de Conxo”.

Adro do mosteiro de Conxo durante a celebración da Festa do Banquete de Conxo / foto Historia de Galicia

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...