Recreación dunha batalla entre romanos e britanos / arrecaballo.es

Lugo, o “bosque sagrado de Augusto”

Tempo de lectura: 4 min.

Este sábado ten lugar en Lugo a primeira das andainas do ciclo Rutas de Historia, un proxecto de turismo histórico posto en marcha polo portal Historia de Galicia e que este sábado coincide, ademais, co II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia. Dous eventos de gran interese para todos os amantes da historia e da cultura.

E, por primeira vez desde que se puxeron en marcha os ciclos de andainas de Rutas de Historia, o roteiro será por unha gran cidade, Lugo, unha das capitais da antiga provincia romana da Gallecia. Con Lidia de La Fuente como guía, impulsora a súa vez do proxecto Camiños con Arte, os participantes neste roteiro coñecerán os grandes segredos do Lugo Romano, pero tamén, do Lugo indíxena.

Máis información dos roteiros aquí e o programa do II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia.

Detalle do cartaz do I Encontro de Banda deseñada Histórica de Galicia

Este é o primeiro dos roteiros de Rutas de Historia nunha das grandes cidades galegas. Que imos ver nesta visita a Lugo?
Encantada de participar nunha actividade pioneira en Lugo. Durante a visita imos percorrer o centro histórico de Lugo facendo unha viaxe no tempo dende a súa orixe romana ata a actualidade, descubrindo os monumentos máis destacados da cidade e os espazos máis relevantes de Lugo en época romana, na Idade Media e nos séculos sucesivos: a muralla romana, a Praza Maior, a Praza do Campo, a Praza da Soidade e mailo Museo Provincial, entre outros lugares. Ademais ao longo da mañá iremos descubrindo tamén a vida cotiá dos personaxes que habitaron a cidade nas diferentes épocas históricas.

Sempre se identifica a Lugo pola súa muralla, Patrimonio da Humanidade, pero que outras riquezas atesoura?
Lugo posúe unha gran riqueza a nivel histórico, artístico, cultural e natural… A Catedral de Santa María, que tamén foi declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2015, sempre sorprende moito aos visitantes. Destacan monumentos únicos como a Domus do Mitreo ou o templo de Santa Eulalia de Bóveda a 14 kilómetros da cidade. Ademais Lugo conta cun espazo natural de gran valor como é o paseo á beira do río Miño, que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

E que soe identificarse sempre a Lugo con Roma, pero que hai de indíxena nesta cidade?
No Museo Provincial de Lugo destaca sen dúbida a sala de ourivería, coñecida como a sala do tesouro, que alberga pezas castrexas tan interesantes como o impresionante torques de ouro de Burela.

Desfile das lexións romanas por Lugo no Arde Lucus / ardelucus.com

Era tan importante Lugo na época Imperial ou se magnifica un pouco a súa importancia?
Probablemente aínda non coñezamos realmente o importante que puido ser Lucus Augusti. As excavacións arqueolóxicas sistemáticas na cidade comezaron nos anos 80 do século XX. Durante este espazo de tempo, de forma progresiva, os equipos de arqueoloxía puideron darlle forma á cidade romana baixo os nosos pés. De seguro quedan aínda moitos xacementos e moitos datos por descubrir sobre a relevancia que tivo a capital do convento xurídico lucense.

Tamén hai episodios históricos interesantes, na época sueva, na época medieval, durante as guerras entre liberais e carlistas… Que outros feitos destacarías desta cidade?
Unha das etapas que me parecen máis interesantes é a Idade Media, os gremios medievais instalados no Burgo Vello, na zona da actual Praza do Campo e no barrio da Tinería. Uns séculos que estiveron moi vencellados á peregrinaxe a Compostela a través do Camiño Primitivo, que pasa pola cidade de Lugo e tamén é Patrimonio da Humanidade.

Un dos puntos que se visatarán é o Museo Provincial, un dos grandes museos galegos. Que se pode ver nel?
A riqueza patrimonial do Museo Provincial de Lugo é inmensa. Na visita do sábado imos centrarnos fundamentalmente na sala dos mosaicos, onde se atopa o mosaico romano máis grande de Galicia, e na sección de epigrafía romana situada no claustro orixinal do antigo convento franciscano. Algunhas das pezas que descubriremos serán a interesantísima Estela de Crecente e as aras votivas adicadas a distintas divinidades.

E o nome de Lugo de onde ven?
Lugo ven de Lucus Augusti. O emperador César Augusto deu a orde de fundar a cidade, de aí procede “Augusti”. Sobre a palabra “Lucus” hai varias hipóteses. Unha delas fai referencia á divinidade indíxena Lugh. Aínda que tamén podería ser unha derivación de “locus”, é dicir, “lugar”. Por iso con frecuencia nos referimos a Lucus Augusti como “bosque sagrado de Augusto” ou “lugar sagrado de Augusto”.

Hai algo que sempre chama a atención a moitos visitantes que é o ben que se come en Lugo. Comían así de ben os romanos?
Eu penso que si. Non quero desvelarche toda a visita pero precisamente no Museo Provincial veremos algúns dos manxares que comían… e poderedes comprobar que algúns dos nosos pratos estrela de hoxe xa aparecen nas representacións artísticas dalgunhas domus romanas… Vémonos o sábado 4 en Lucus Augusti!

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: