fbpx
Megaplantación de eucaliptos que arrasou un campo de mámoas en Pol

Novo atentado contra o patrimonio: Megaplantacións de eucaliptos arrasan dúas necrópoles megalíticas en Pol e Meira

Tempo de lectura: 3 min.

Hai uns días os do Colectivo Patrimonio dos Ancares puidemos comprobar, unha vez máis, a destrución sistemática que nos últimos anos está a padecer o patrimonio prehistórico de Galicia. Esta vez “tocoulle” aos concellos de Meira e Pol.

A necrópole da Acevreira, situada entre os dous concellos, estaba formada por 9 mámoas, todas catalogadas por Patrimonio. Pois ben, catro desapareceron na súa totalidade e outras dúas sufriron graves danos ocasionados pola maquinaria pesada que as atravesaron de lado a lado. Mesmo atopamos macetas de plástico para 600 plantas de eucaliptos “ciscadas” sobre o cráter de violación da mámoa catalogada co número 6. Ademais de borrar do mapa máis de 5.000 anos de historia, os agresores demostran o seu desprezo polo medio ambiente. E hai máis, o lugar onde se atopaba a mámoa número 9 (catalogada co código GA27029023), situada preto da aldea de Rielo (Meira), xa figuraba na cartografía máis antiga como Medorra da Acevreira polo que non cabe amosar descoñecemento: foi destruída premeditadamente. Como as demais.

A menos de 100 metros desta necrópole hai outra mámoa coñecida co nome de Medorra de Aviega (catalogada co código GA27046133), na parroquia de San Martín de Lúa (Pol), que tamén foi arrasada recentemente por maquinaria pesada para plantar eucaliptos.

Outra necrópole afectada en Pol

Pero a desfeita continúa. No Monte do Foxo, na Chafarica, parroquia de San Martiño de Ferreiros (Pol), a 625 metros de altitude, hai unha necrópole, coñecida como do Alto do Campeliño, formada por catro mámoas. Debido aos labores agrícolas, dúas perderon case toda a súa masa tumular hai moitos anos. Pero as outras dúas (catalogadas cos códigos GA2746049 e GA2746050), ata hai uns poucos días conservábanse en bo estado, cada unha cunhas medidas aproximadas duns vinte metros de diámetro. Pero a súa sorte mudou dun día para o outro ao ser selvaxemente arrasadas por maquinaria pesada que as achandou na súa totalidade.

Onde había mámoas agora só se ven as rodeiras da maquinaria pesada tras plantar eucaliptos / Xabier Moure

O luns 13 presentaremos as denuncias ante Patrimonio da Xunta de Galicia para que á maior urxencia visiten os sitios e incoen os correspondentes procedementos sancionadores. Segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de maio de 2016, a destrución dun ben arqueolóxico catalogado está considerado como falta grave polo que a multa pode alcanzar os 150.000 euros.

Xa perdemos a conta dos xacementos arqueolóxicos destruídos nos últimos anos na provincia de Lugo e no resto de Galicia. Cremos que xa vai sendo tempo de que a Xunta de Galicia faga unha campaña advertindo das consecuencias que conleva a agresión ou a destrución de bens patrimoniais, informando, por outra parte, dos pasos previos a seguir cando se pretendan realizar actuacións agresivas no monte. Ademais dos Servizos provinciais de Patrimonio, os Concellos teñen acceso dende hai un tempo ao Plan Básico Autonómico (PBA), unha ferramenta informática que en poucos minutos pode indicar se nunha parcela determinada existe un xacemento catalogado, e polo tanto protexido pola lei. Non aconsellamos botar man só dos PXOM municipais xa que en moitísimos casos trátase de fósiles sen actualizar dende a súa aprobación (algún leva máis de trinta anos) polo que é máis que probable que non recollan un bo número de xacementos catalogados na actualidade. Os infractores poderían evitarse sorpresas desagradables.

Foto 1: Mámoa número 3 do Alto do Campeliño (Pol)

Foto 2: Mámoa número 4 do Alto do Campeliño (Pol)

Foto 3: Mámoa de Aviega (Pol), arrasada e plantada de eucaliptos

Foto 4: Mámoa número 9 da Acevreira (Meira), arrasada e plantada de eucaliptos

Foto 5: Macetas de plantas de eucaliptos ciscadas sobre unha mámoa da necrópole da Acevreira

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...