fbpx
Caseto de soporte dunha antena de televisión instalada pola Xunta nun petróglifo de Beariz / Capitán Gosende

Unha antena de televisión instalada pola Xunta desfai un petróglifo en Beariz

Tempo de lectura: 5 min.

Situada no corazón da comarca de Montes, Xirazga é unha parroquia do concello ourensán de Beariz composta polas aldeas de Doade -feirón de sona-, A Abeleira, Framia, Correa e Alén. No lugar de Correa érguese o templo parroquial, construído na honra de San Salvador (un dos apelativos de Cristo). O 12 de maio de 2019, nas penelas do monte de Framia os exploradores do Capitán Gosende batemos con outro gravado rupestre.

Cando, nas primeiras horas da tarde, encamiñabamos sen o saber os nosos pasos cara a pedra riscada, chamou a nosa atención un penedo de cuarzo branco duns 9 m3 de volume. Pousado naquela extensa e apardazada natureza de xisto, a súa rara albura semellaba caída do ceo (coordenadas.- X: 554.399; Y: 4.703.596). Xosé Dopeso, veciño de Framia e amábel informante, ilustrounos sobre o particular. A rocha, ben coñecida polos aldeáns, noméase O Seixo Branco. Localízase a uns 125 m, cara ao sudoeste, do petróglifo do Recosto e “segundo din os vellos, se tres Marías soben xuntas ao monte e mexan enriba del, vólvese livián, podendo despois darlle a volta sen dificultade. Unha vez envorcado o penedo, exhumar o tesouro que agocha é tamén tarefa doada”.

O refolguexante fragueiro é perfectamente visíbel dende os paneis inscultóricos, asoballados por unha antena de telelevisión instalada pola Xunta. Dásenos entón por interpretar a escena do serpentiforme: un ser humano levando a cabo a arriscada misión de subtraerlle os ovos do niño a unha serpe. Ben seguro, tal audacia habería de ter recompensa. As tres Marías representan a tripla manifestación da Moura, deusa omnipotente, compostora dos megálitos. O humano que pasa a proba é agasallado coa riqueza (material ou espiritual). A serpe é a Moura. O Seixo Branco é un ovo hiperbólico. Co paso do tempo, o réptil estricado (Framia) enrodelarase en labirinto (Mogor), simbolizando os atrancos cos que a Deusa sopesa os aspirantes. Cómpre superármonos para acadar o obxectivo. Esta hipótese dálle polo pau á plantexada polo arqueólogo Antón Costa.      

Moito nos chistan as andrómenas da mitoloxía popular. Preferímolas á triste realidade do noso patrimonio. Se fose por ben, a TVG debera incluír nalgún dos seus informativos a noticia de que, no concello de Beariz, un repetidor de televisión leva anos estragando un santuario dedicado a unha deidade prehistórica. Se fose por ben, o erro comezaría a corrixirse ao día seguinte. Non o verán os nosos ollos, no eido da cultura os galegos fixemos da autocensura e da autodestrución un estilo de vida.    

A historia do veciño

Mentres andabamos ocupados nas tarefas de fotografado, descrición e medición do achado, cadrou naquela encrucillada o señor Xosé Dopeso, veciño de Framia, quen, malia descoñecer a existencia do petróglifo, nos fixo sabedores dunha morea de datos e indicacións. “Aínda que non lles ghuste recoñecelo, os de Doade pertencen a Xirazgha e non Xirazgha a Doade”, díxonos o noso providencial informante. Atendendo as súas explicacións, os gravados rupestres de Ricovanca I, II e III, atopados semanas atrás naquela zona, poden ser agrupados baixo a denominación “petróglifos da Ría”, pois, A Ría, é o nome co que se coñece a valiña pola que discorre o alto Verdugo. O río Verdugo ten o berce na cimeira do Seixo e a embocadura na ría de Vigo. Consultados os nosos arquivos, constatouse que hai anos, neste recuncho de Beariz, xa recolleramos o alcume o Rico da Ría, empregado para identificar un veciño de Ricovanca que, a comezos do século pasado, fixera fortuna en Panamá.

Xosé Dopeso explicounos que aquela tenza de monte se coñece polo Recosto e que é propiedade dos comuneiros de Framia. A comezos do século pasado, esburgóuselle o subsolo na procura de estaño e volframio. Aínda que ruinosas, as edificacións vinculadas ás explotacións mineiras permanecen en pé entre a matogueira. Aqueles predios a poula fican hogano no punto de mira das multinacionais que especulan coas terras raras. O lugar de Framia localízase a uns 825 m, cara ao sueste, do sitio arqueolóxico, coa regata de Donsueiro polo medio. Daquela, decidimos nomear a nova descuberta “petróglifo de Framia” ou “do Recosto” (coordenadas.- X: 554.501; Y: 4.703.664; alt. 830 m).

O tallador prehistórico (home ou muller, un ou varios) escolleu dous afloramentos metamórficos cristados, contiguos, en pendente e con orientación NO-SE para distribuír unha profusión de concavidades, canliñas rectilíneas e curvilíneas, cruciformes, antropomorfos, serpentiformes… que lle confiren ao mural unha estraña e indescifrábel beleza. Os cruciformes-antropomorfos deste petróglifo teñen unha feitura semellante aos da Laxa das Buratas, redescuberta en 2013 no monte de Alfonsín (Santa Mariña de Presqueiras-Forcarei), a uns 2’5 km de distancia en liña recta e cara ao norte. Buscando outras analoxías, animamos os afeccionados a que cotexen o petróglifo de Framia co petróglifo de Borrassà (Alt Empordà-Girona), datado entre os 3.500 e 2.500 anos antes da nosa era. A 1.200 km de distancia, o parecido do soporte e dos motivos representados é abraiante.

Petróglifo do Recosto-Framia-Xirazga (afloramento norte-panel inferior) / Capitán Gosende

Coviñas e cruciformes

Na estación petroglífica do Recosto, o afloramento situado na cota máis alta é o que presenta unha maior densidade de elementos. Neste, os motivos repártense en tres paneis. No panel superior -unha crista duns 11 m de lonxitude- observamos catro conxuntos distribuídos ao longo da cara oeste. Situado máis ao norte, o primeiro conxunto componse dun aliñamento de 6 coviñas e 7 cruciformes-antropomorfos, 1 coviña illada e 1 cruciforme-antropomorfo e mais un agrupamento de 13 coviñas e outras dúas parellas unidas por senllas canles. Entremedias, o segundo conxunto componse de 1 serpentiforme de trazo quebrado (cinco ángulos rectos) e 9 coviñas (evocando os ovos do réptil) a canda 1 antropomorfo; ao carón, 1 antropomorfo e outras 4 coviñas, unha con desaugadoiro. O conxunto situado ao sur componse de 2 coviñas e 1 canle. Neste panel, o tamaño das coviñas varía de 1 a 8 cm de diámetro. Non se computaron as coviñas que forman parte dos cruciformes-antropomorfos.

No panel intermedio contamos unhas 50 coviñas. Aquí o metamorfismo escolleu o xeito de laxa irregular. O diámetro da coviña meirande é de 18 cm; o diámetro da menor é de 3 cm. A superficie visíbel do panel é duns 4 m2. O firme da laxa foi empregado como baseamento na construción dunha caseta que, até hai pouco, aloxaba o dispositivo dunha antena de televisión instalada pola Xunta da Galiza. Con certeza, a instalación vulnerou a integridade do petróglifo. De feito, unha das coviñas aínda está atacada de cemento. A caseta ten as seguintes dimensións: 185 cm de alto, 115 cm de largo e 105 cm de fondo. A porta de plástico -co logo da Xunta- e os fragmentos do dispositivo esparéxense polas inmediacións. Integrando a asociación Verbo Xido, esta agresión xa a denunciaramos no ano 2012. O mastro da antena vella foi, tempo despois, tallado a rente do chan e retirado. A uns 20 m, cara ao noroeste, sen respectar as preceptivas cautelas, fincouse un novo repetidor e mais o enreixado que o acouta.  

O panel inferior volve ser cristado, duns 5 m de lonxitude. Na cara que se orienta a poñente advertimos os seguintes elementos: 5 coviñas exentas, 8 coviñas asociadas a canles e outros sucos rectílineos e curvilíneos. O conxunto máis complexo do Recosto tallouse a partir dunha regaña da rocha e componse dunhas 20 canles asociadas con coviñas que verten en paralelo e 9 coviñas illadas, de lonxitudes e diámetros diversos. Xa, rente ao chan, riscáronse 6 cruciformes-antropomorfos (un trío, unha parella e un elemento illado). As coviñas presentan diámetros de 9 a 4 cm. A canle máis longa mide uns 58 cm.  O afloramento inmediato, situado nunha cota máis baixa, é outra crista de xisto duns 8’50 m de lonxitude. Na base talláronse unhas 18 coviñas distribuídas en dous grupos (14 e 4 coviñas). Dúas coviñas do grupo de catro están unidas por unha canle.

125 coviñas

Recapitulamos, o petróglifo do Recosto (Framia-Xirazga) componse dunhas 125 coviñas, uns 16 cruciformes-antropomorfos, unhas 25 canles ou sucos, 1 serpentiforme e outros signos. A súa beleza e singularidade non merece ser aldraxada coas ruínas do caseto e a ferruxe da antena vella nin tampouco coa ferraxe charramangueira da antena nova.

Capitán Gosende anota no seu haber o petróglifo número 63. Na comarca, Cerdedo, A Estrada, Forcarei, Beariz, A Lama e Cotobade son xa os concellos beneficiados co noso labor de busca.

Pode que che interese...