fbpx
Recreación da frenda do lume sagrado das tribos celtas de Boqueixón e Callobre / remitida

Participa nunha “ofrenda de lume sagrado” das “tribos celtas” no solsticio de verán

Tempo de lectura: < 1 min.

As tribos celtas conquistarán Santiago no día previo ao solsticio de verán. Trátase da recreación que fan os membros das “tribos celtas de Boqueixón e Callobre” que protagonizarán a Ofrenda do Lume Sagrado. Unha representación incluída dentro da programación do ciclo cultural Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea e que serve como paso previo á máxica noite de San Xoán. Esta iniciativa conta coa colaboración da Asociación Cultural do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada).

Segundo apuntan os organizadores, e as condicións meteorolóxicas o permiten, o punto de encontro será a Carballeira de Santa Susana ás 22.00 horas. Dende alí a comitiva encabezada pola Raíña Alda –cuxo nome significa a máis fermosa– e polo Druída iniciará o percorrido polas rúas do casco histórico compostelán. “Ataviados coas súas vestimentas celtas e cos fachos na man a zona vella de Santiago iluminarase co Lume Sagrado acendido o pasado domingo directamente coa forza do Astro Rei”, indican.

O percorrido finalizará arredor das 22.30 horas na Praza de Mazarelos. Alí completarase a Ofrenda do Lume Sagrado coa que as tribos celtas de Boqueixón e Callobre representarán a súa alianza coa cidade de Santiago.  En caso de chuvia, o percorrido polas rúas do casco histórico quedaría cancelado.

Aquelas persoas interesadas en formar parte da comitiva da Raíña Alda e do Druída deberán poñerse en contacto co Departamento de Turismo (981 513 061 // boqueixonturismo@gmail.com) para formalizar a súa asistencia como figurantes voluntarios. Dende a organización aportarán a vestimenta e complementos precisos para esta actividade.

Pode que che interese...