fbpx
Libros antigos nun arquivo / foto CC0

Como hai que xestionar e protexer incunables e outras xoias bibliográficas?

Tempo de lectura: < 1 min.

Este xoves 6 e o venres 7 de xuño desenvolveranse na USC, concretamente no salón de actos Nóvoa Santos da Facultade de Medicina, as II Xornadas de Patrimonio Bibliográfico, que reunirán na cidade preto de douscentos especialistas de primeira orde de toda España. A inauguración do encontro terá lugar este xoves ás 9.30 horas. 

Organizadas polo grupo de traballo de Patrimonio Bibliográfico de REBIUN e a Universidade de Santiago de Compostela -con especial implicación da Biblioteca-, nas xornadas debaterase sobre os diversos aspectos da xestión das coleccións patrimoniais en bibliotecas históricas e das coleccións especiais en bibliotecas e arquivos.

A xestión da colección e a conservación e restauración serán os dous grandes eixos temáticos arredor doa cales xirarán as numerosas comunicacións e relatorios dun encontro que, logo do acto inaugural, abrirá o xoves 6 de maio Ramón Rodríguez Álvarez, da Universidade de Oviedo, cunha intervención sobre as coleccións de incunables das bibliotecas universitarias españolas. 

Haberá outras tres conferencias principais, que versarán sobre a protección do patrimonio bibliográfico en Galicia (a cargo de José Daniel Buján Núñez e Noelia Bascuas Ferreiro, da Biblioteca de Galicia), o fondo antigo das bibliotecas universitarias no Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico (por M. Isabel García-Monge Carretero, do Ministerio de Cultura) e a nova vida do pergamiño vello, a cargo de Ana Isabel Suárez González, da USC.

A partir de aí serán dous días intensos de charlas e intercambio de impresións en sesións de comunicacións sobre a biblioteca dixital, as bibliotecas históricas, a encadernación, a conservación e manipulación do papel para a súa conservación, a difusión ou a xestión da colección.