Manuel Fernández e Dorinda Prieto, descubridores da espada da "Pena da espada" / Remitida

Homenaxeando a Dorinda Prieto, a gran muller que a historia oculta detrás dun home

Tempo de lectura: 2 min.

Soledad Felloza, Comisición Coordinadora Rede do Patrimonio

 

Preto de vinte mulleres participaron o 2 de xuño na andaina de “Mulleres ao monte”

A rede do Patrimonio organizou este domingo o primeiro gran roteiro adicado ás mulleres. Malia a alerta de calor, ás 9:30 iniciaron a ruta do Canon do Río Mao na aldea de San Lourenzo de Barxacova. A primeira parada foi na necrópole de San Vito onde escoitaron una pequena, pero moi completa explicación do xacemento.

Logo, seguindo a canle antiga achegáronse á “Pena da Espada” ou “Cova dos Mouros” onde apareceu a chamada espada de Forcas, [—] unha  arma da Idade do Bronce Medio (1500-1200 A.C) vinculada a un depósito ritual na rocha.

A espada da Pena da Espada

A descuberta aconteceu no ano 1905, e a tradición oral conta a historia do Eleno (Manuel  Fernández, da aldea de Forcas), un home que traballaba nas obras da canle, que atopou nesta cova a espada e a entrega ao capataz quen, a súa vez, lla fai chegar ao enxeñeiro Conde Valvís, quedando así rexistrado na documentación vinculada a unha das armas máis mencionada nos principais estudos europeos relacionados con este tipo de artefactos.

No ano 2011 os traballos arqueolóxicos realizados na contorna de San Vito, permitiron a Bea Comendador traballar na zona, e falar cos veciños. Foi así como deu cunha historia fascinante que conecta a quen tres mil anos atrás depositou a espada na cova co presente.

E o que puido recoller Bea cambia moito a historia oficial, e tamén os protagonistas. Nos tempos das obras, a muller do Eleno foi a levarlle a comida. Sexa pola calor ou polo que fóra, a muller entrou na cova a descansar ao fresco. Alí atopou a espada e entregoulla ao seu home.

Ao longo de dous anos Bea tentou contactar coa familia, ata que finalmente deu, non só co nome esquecido daquela muller, senón coa foto que dá identidade a quen realmente é a protagonista desta historia, Dorinda Prieto Iglesias.

Reivindicar a Dorinda

Reivindicar a memoria de Dorinda é dar o lugar a tantas mulleres esquecidas ou substituídas pola identidade dun home ao longo dunha historia que sempre tivo e terá voces femininas. Para ela foi o forte e sentido aplauso, mais tamén para Bea Comendador por teimar na súa procura.

A ruta seguiu ao longo de 15 km, con paradas na ponte medieval de Conceliño, no alto do canón do Mao e merenda na Fábrica da Luz.

Chamou moito a atención o estado de desleixo no que se atopan algúns dos tramos da ruta. É certo que a parte das Pasarelas do Mao (tramo que non se fixo nesta andaina) está en excelentes condicións, pero un sendeiro destas características non pode permanecer sen unha supervisión antes da tempada alta de sendeirismo.

A canle antiga ten tramos que para unha persoa con vertixe ou con nenos son de difícil acceso, e a  maleza impide andar polo medio. Por non falar da altura das ortigas e fentos na canle nova que en tempada de carrachas non é o máis recomendable.

Colaboracións

Na ruta foi invalorable a colaboración das Meigas Montañeiras, do Clube Alpino de Ourense que en todo momento apoiaron e instruíron ás participantes, na tarefa dunha andaina segura e saudable.

Pola Rede do Patrimonio, organizadora da andaina, participaron compañeiras do Sorriso de Daniel, Patrimonio Galego, do  Grupo de innovación docente en educación patrimonial (GIDEP) da Universidade de Vigo e mulleres interesadas no Patrimonio Cultural de Galicia.

Para outono xa se están programando dúas rutas de diferentes dificultades físicas. Compañeiras interesadas en recibir información, inscribirse no correo [email protected]

 

Sole Felloza

Comisición Coordinadora Rede do Patrimonio

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: