fbpx
Vista de 1899 / foto FJ Martinez Santiso Arquivo Municipal de Betanzos

Poesía e cultura en honor á soldadeira María a Balteira e os 800 anos de Betanzos

Tempo de lectura: 3 min.

A Betanceira María Péres A Balteira, voltará a Betanzos oito séculos despois, na semana anterior á XXII Feira Franca Medieval, acompañada de tres xograres betanceiros das corres dos reis Fernando III e Afonso X O Sabio, Pero de Armea, Pero de Ambroa e Pero Amigo de Sevilha.

Será para participar do PROXECTO MARÍA BALTEIRA, que varias entidades de Betanzos e a contorna preparan para a primeira semana de xullo dentro da conmemoración dos 800 anos e para aportar contidos á XXII Feira Franca Medieval.

A Asociación Cultural, gastronómica e deportiva Lar de Unta promove este proxecto, coordinado polo grupo poético NPG Nova Poesia Guitirica co patrocínio do Concello de Betanzos e a colaboración da Asociación de amigos do casco histórico, a Asociación de Veciños de Ambroa, a Asociación Cultural de Colantres, Biblos, Café Lanzós e os concellos de Irixoa e Coirós.

O Proxecto María Balteira prepara para a primeira semana de xullo, previa á Feira Franca, unhas xornadas que incluirán en Betanzos recitais de poesía, charlas, mesa redonda, concerto, edición de pasquíns, a edición da obra dos xograres e trobadores Pero de Armea, Pero de Ambroa, Pero Amigo de Sevilha (S. XIII) e poemas adicados a María Balteira, todos eles naturais das Terras de Betanzos.

O día 6 de xuño os actos trasladaranse a Ambroa (Irixoa) e o día 7 de xuño a Armea (Colantres, Coirós), lugares de onde procedían os xograres e María Balteira, que formaron parte da corte de Afonso X O Sabio na idade de ouro da literatura medieval galego portuguesa. Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas, Dores Cao, profesora do IESP As Mariñas, a catedrática Concha Delgado (prologuista do libro que editará Biblos), o filólogo Xosé Ramón Pena, o profesor Eduardo Maragoto, presidente de AGAL, o profesor Xulio Loureiro do IESP As Mariñas, Marica Campo, autora do libro Confusión e morte de María Balteira ou Manuel Portas, autor do libro Lourenço xograr, serán algúns dos conferenciantes destas xornadas que pretenden divulgar o importante papel de Betanzos na idade de ouro da lírica medieval hai 800 anos aparellado ao peso político da cidade nese período histórico.

A Fundación Luís Seoane (este ano adicanse a Luís Seoane as artes galegas) cedeu o gravado do autor sobre María Balteira para imaxe do Proxecto, do libro e dos pasquíns, e o Centro de investigación de humanidades Ramón Piñeiro coa colaboración do seu secretario Armando Requeixo, cedeu a obra completa destes tres poetas medievais e poemas adicados a María Balteira.

Tradición literaria

A tradición literaria de Betanzos remóntase á Idade Media, época de esplendor da lírica e auténtica idade de ouro para Galiza e Portugal. Aportamos a esta época un trobador, dous xograres e unha soldadeira, María a Balteira. Os tres autores pertencen ao século XIII, manteñen relacións literarias e frecuentan as mesmas cortes, a corte real de Afonso X e, posibelmente, a corte señorial galega de Rodrigo Gómez de Trastámara.

O trobador Pero García de Ambroa, natural de San Tirso de Ambroa, no concello de Irixoa, partido xudicial de Betanzos, é autor dunha cantiga de amigo, unha cantiga de amor, once de escarnio e unha tensón. Hai autores que consideran que teríamos que distinguir entre un Pero de Ambroa xograr e un Pero Garcia de Ambroa trobador ; outros opinan que son a mesma persoa e algún engade que é o mesmo autor cunha evolución de trobador a xograr pola decadencia económica. Este trobador foi obxecto de crítica por moitos autores pola súa suposta peregrinación a Terra Santa e pola relación con María a Balteira.

Pero de Armea, orixinario do municipio de Coirós, do lugar de Armea, é autor de 13 cantigas de amor, catro de amigo e unha cantiga satírica, de escarnio de amor.

Pedro Amigo de Sevilla, designado de Sevilla porque residiu nesa cidade, é identificado por Martínez Salazar e García Blanco cun clérigo de de San Tirso de Ambroa, no concello de Irixoa, lugar de onde era orixinario Pero García de Ambroa. Foi coengo de Oviedo e de Salamanca onde firma o seu testamento en 1302. A súa obra está formada por dezasete cantigas satíricas, catro cantigas de amor, unha pastorela, dez cantigas de amigo e unha tensón con Xohan Vasquiz de Talaveira.
Toda esta obra e os poemas de diversos autores da época adicados a María Pérez A Balteira serán editados polo proxecto co prólogo da profesora betanceira Concha Delgado.