fbpx
O profesor e historiador Isidro Dubert / Research Gate

A revista Obradoiro de Historia Moderna obtén o Selo de Calidade FECYT

Tempo de lectura: 2 min.

A revista OHM. Obradoiro de Historia Moderna  vén de superar a sexta convocatoria de avaliación da calidade editorial e científica das revistas científicas españolas da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), polo que recibe o selo de calidade que a distingue como excelente. 

OHM. Obradoiro de Historia Moderna súmase ás revistas xa certificadas co selo FECYT Ágora. Papeles de Filosofía e Estudos de Lingüística Galega (dende 2016) e Verba. Anuario Galego de Filoloxía  (dende 2014). Dende 2007, en que deu comezo a primeira convocatoria de avaliación de revistas científicas, FECYT ten analizado máis de 1.900 solicitudes de revistas e na actualidade hai 396 revistas que contan co selo de calidade.  

Fundada por Isidro Dubert

OHM. Obradoiro de Historia Moderna é unha revista anual fundada en 1992, actualmente dirixida polo profesor Isidro Dubert, destinada a ampliar e difundir o coñecemento científico no terreo da historia moderna, cunha especial atención ao ámbito de Galicia. Aparece indexada en Scopus, ESCI, Historical Abstracts, Historical Abstracts with Full Text, Fuente Académica Premier, Current Abstracts, TOC Premier, (ISOC), ULRICH, DIALNET, SUMARIS CBUC, e está presente no ERIH PLUS. A ANEP (Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva) categorízaa como revista A. No índice RESH, OHM é a revista española de maior impacto científico na área de historia moderna e a segunda na área de historia moderna e contemporánea. OHM publícase en español, galego, francés e inglés.

Para a dirección do Servizo de Publicacións, que edita dixitalmente todas as revistas da USC na plataforma Rev{USC}. Portal Dixital de Revistas da USC, a obtención destes recoñecementos e melloras en índices, confirma que a edición dixital das publicacións periódicas académicas co software de código aberto Open Journal System, cada vez máis estandarizada en todo o mundo e implementada na USC en 2012, contribúe directamente ao posicionamento, visibilidade,  impacto e prestixio das revistas, factores hoxe estratéxicos na comunicación científica internacional.