fbpx
Vista de Santiago desde o aire/ aularehabilitacion - WordPress.com

A Xunta nega máis persoal a Patrimonio aínda que admite que hai “algúns meses de atraso” en expedientes

Tempo de lectura: 2 min.

O PP votou en contra no Parlamento galego dunha iniciativa do PSdeG que demandaba á Xunta dotar cos medios e o persoal necesario os servizos provinciais de Patrimonio Cultural para evitar demoras en tramitacións.

A deputada do PSdeG María Pierres denunciou unha problemática do servizo provincial de Patrimonio de Pontevedra que “vén de lonxe”, con falta de medios e recursos que provocan tardanzas de anos en proxectos de rehabilitación. Criticou que o servizo provincial de Pontevedra restrinxe as consultas, xa que todas teñen que facerse por escrito, a diferenza do que ocorre nas outras provincias que si atenden tanto de forma presencial como telefonicamente.

Así, Pierres lamentou esta “discriminación” respecto ao resto de servizos provinciais. Ademais, queixouse dunha “falta de coordinación entre servizos”, cunha “inexistencia dun compendio de criterios comúns de actuación” que leva a que a “nunha vivenda se admita unha solución que se denega na vivenda veciña”.

“Atraso de varios meses”

O deputado do PPdeG Carlos Gómez Salgado argumentou que o seu grupo se opón a esta proposición porque se piden medidas que xa se están adoptando”. Tamén defende que “só unha pequena porcentaxe” conta cun atraso de “varios meses”, que achacou á “complexidade” dos expedientes e “en relación con edificios históricos”.

No debate, Ánxeles Cuña (En Marea) alertou de que a lei de rehabilitación da Xunta “pon seriamente en perigo” o patrimonio cultural, mentres se inciden na “precarización do traballo do funcionariado”. Pola súa banda, Olalla Rodil (BNG) afeou que “no canto de tentar solucionar o problema” con máis medios “a vía pola que optou a Xunta e o PP” é reducir os requisitos para autorizacións en bens que necesitan alta protección, o que os pon en risco”. Paula Vázquez Verao (Grupo mixto) cargou contra o “deixamento total” da Xunta, para a que “é un estorbo” o patrimonio.

Pode que che interese...