Un cachalote / foto 12019CC0

As baleas… A historia dun tesouro para a Galicia mariñeira

Tempo de lectura: 2 min.

Carne, aceite, barbas, fertilizantes feitos coa queima dos osos… As baleas que se cazaban en Galicia eran un verdadeiro tesouro para as xentes da nosa costa e máis para as empresas que traballaron con elas. A pesca da balea era unha das actividades pesqueiras máis rendibles de Galicia durante o século XX e unha actividade dunha longa tradición, que rematou coa entrada en vigor da moratoria internacional que prohibiu a súa caza o 1 de xaneiro de 1986.

Pero as baleas que se cazaban en Galicia levaban no seu interior un auténtico tesouro. Non nun sentido figurado, que por tradición e riqueza económica a caza da balea xa o era, senón tamén nun sentido literal. E é que as baleas levaban no seu interior un tesouro extraordinario do que as compañías baleeiras sacaban un enorme beneficio e que custodiaban con toda a seguridade posible.

De feito, segundo se conta, na factoría de Caneliñas en Cee, este singular produto enviábase nunha dobre caixa de ferro e madeira dende Corcubión ata A Coruña. Na súa viaxe era custodiado polo propio caixeiro da sociedade ata chegar á cidade. Unha vez alí era cargada en barcos mercantes con dirección a mercados tan exclusivos como o de París.

O ámbar gris

Trátase do ámbar gris, unha substancia natural producida polos intestinos dos cachalotes como elemento para a dixestión de animais máis pequenos. Era unha pedra lixeira, semellante a ámbar, que tamén podía ser atopado na costa. Este pedra preciosa foi durante a primeira metade do século XX un producto moi codiciado para a xoiería, para a perfumería e do que se sacaban tamén saborizantes e ata afrodisíacos.

Baleas / foto three_shotsCC0

O ámbar gris era un verdadeiro tesouro e facía do corpo das baleas un ben moi apreciado. Segundo se conta nas crónicas, en febreiro de 1924 na factoría de Caneliñas en Cee, cazouse un cachalote que tiña no seu interior 38 quilos deste ámbar gris, polo que chegaron a pagarse preto de 500.000 pesetas da época. Porén semella non ser un dato moi próximo á realidade xa que as pezas que rexistran as sociedades biolóxicas non superan os dez quilos.

O ámbar gris é unha pedra mítica e mitolóxica coñecida dende antigo. O ambar gris é mencionado en historias coma As mil e unha noites, no Paraíso recobrado de John Milton ou na novela de Herman Melville Moby-Dick, onde se retrata o oficio de baleeiro. Foi tamén unha pedra apreciada dende moi antigo. Xa se coñecía dende a China antiga como “aroma de baba de dragón”, e se empregou ó longo da historia como amuleto. Tamén chegou a ser un símbolo nas coroacións da monarquía británica.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: