fbpx
Ninfa Albunea / hablemosdemitologia.com

Como hai tantas semellanzas entre os ritos da Antiga Roma e moitas das tradicións galegas?

Tempo de lectura: 4 min.

Unha calorosa mañá de finais de xullo, encamiño os meus pasos cara o Foro Romano e o Monte Palatino, o mesmísimo corazón do fascinante Imperio Romano. Non sei o que agardaba encontrar cando enfilei a Vía Sacra -rúa principal de Antiga Roma– pero, dende logo, non o que descubrín. Atopeime con Galicia, coas nosas mesmas tradicións, os nosos mesmos costumes máxico-relixiosos e, o máis fascinante: descubrín, no monte que deu orixe á cidade de Roma, o rito ó que nós chamamos San Xoán.

Vaia por diante, antes de seguir avanzando nesta crónica, que non pretendo dicir con estas palabras que os orixes das nosas crenzas e cerimonias sexan romanas, nada máis lonxe da miña intención, eu comparto a teoría da existencia dunha visión relixiosa común indoeuropea na antigüidade e os romanos nin nos deixaron nin nos quitaron nada, xa todo estaba aquí de antemán e todo permaneceu. Tan só que, tanto o mundo clásico romano coma o grego, ó deixar textos escritos, permítennos constatar a presenza das nosas tradicións xa naqueles tempos e comprobar, abraiados, como permanecen a día de hoxe case inalteradas.

O primeiro que atopei na Antiga Roma que me fixo sentir na casa foi, no medio e medio do Foro Romano, un pozo piago. O Lacus Curtius foi un espazo sagrado lacustre do que hoxe só se conservan os restos do brocal dun pozo. Pensaban os romanos que era este un pozo sen fondo, no cal caeu ou se tirou -segundo as versións da lenda- un mozo co seu cabalo e panoplia guerreira incluída. As semellanzas cos nosos pozos piagos, abismos cunha fondura inabarcable, nos que a lenda conta que caeu un home cos bois e o carro é innegable.

lacus-curtius
Reconstrución do Lacus Curtius tirado de https://www.romanoimpero.com/

Pero as semellanzas van de menos a máis e no seguinte achado verémonos aínda máis identificados. Trátase agora da Fonte Juturna, unha das máis antigas e importantes da Roma clásica. Chámase así porque está asociada á ninfa Juturna, que moraba no manancial e bendicía as súas augas, polo cal estas resultaban curativas. Os vellos e os enfermos acudían a facer ofrendas no lugar para curar os seus males e aínda na Idade Media o traxín de peregrinos a tal fin continuaba. Tamén se dicía que os xemelgos divinos coñecidos coma os Dióscuros abrevaron os seus cabalos nela de camiño á batalla, e que a ninfa se apareceu alí ante os romanos trala vitoria. Non sei a vostedes, pero a min non me costa nadiña imaxinar as nosas fontes con propiedades curativas tan visitadas, fontes onde se aparece a Moura, fontes que foron adaptadas ó novo sistema relixiosos dicindo que os bois que conducían a imaxe da Virxe pararon a beber nela ou que alí se apareceu a Santa.

Mais a guinda do pastel, xa adiantei que a atoparíamos no Monte Palatino, un outeiro sobre o Foro Romano onde se sitúa a orixe lendaria de Roma, nun 21 de abril dun ano discutido mais sempre nesa data. Que curioso, pois o monte toma o nome dunha divindade chamada Pales -descrita ás veces como muller, outras como home, outras como ambos- cuxos festexos comezaban o 21 de abril. De feito, a festa en conmemoración da fundación de Roma era unha mestura entre este feito e a cerimonia votiva á divindade. Tíñase a Pales por protectora da gandería, polo cal na súa festa se poñían os animais e os seus donos baixo a súa protección. Entre os ritos para encomendarse á deusa estaba o de facer unhas cacharelas nocturnas entre as cales se facía pasar ó gando para afumalo, mentres que os seus donos habían saltar tres veces o lume para quedar tamén protexidos. Sónalles de algo? Algún dirá que as datas non coinciden, pero a historia aínda non rematou. As festas comezaban no 21 de abril (moi próximo, por certo, ó 1 de maio no que nas Illas Británicas fan os mesmos ritos que nós facemos no San Xoán) pero remataban o 7 xullo. Nesta última data conmemorábase a unión entre a parte feminina e masculina da divindade Pales, polo que tiña lugar un hieros gamos, unha unión sexual sagrada. Os homes preparábanse para ela como dixemos, saltando a cacharela, mentres que as mulleres bañábanse en piscinas de auga bendita que propiciaban a fertilidade, dun xeito semellante ós nosos baños de nove ondas no mar polo Solsticio de Verán.

pales2
Deusa Pales, tirado de https://www.romanoimpero.com/

Como vemos, as semellanzas nos ritos son fascinantes, así que engadamos un dato máis para redondear a idea: na base do Monte Palatino atópase a cova Lupercal, na cal a Loba amamantou a Rómulo e Remo. Cada 15 de febreiro reuníase nela unha confraría de mozos solteiros, vestidos con peles de cabra e pintados con sangue deste animal, saían de alí embravecidos, brandindo os seus látegos, cos que golpeaban ós habitantes de Roma ó seu paso, especialmente ás mulleres, nun rito considerado propiciatorio da fertilidade.

Hai aínda moito máis que dicir deste tema, máis datos interesantes que os autores clásicos nos deixaron sobre as festas de Pales e o resto de cultos celebrados na antiga Roma e máis que afondar para cavar de comprender a idea aquí exposta. Mais como aproximación, e para tratarse este dun artigo escrito en ruta, hanos de valer. Arrivederci dende Roma, aínda que despois do exposto podería dicir tamén: Ata loguiño dende a aldea global.

Tirado de https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...