Na procura dos segredos do mosteiro que naceu nun castro fronte a dúas illas míticas
O Concello de Xove realizará unha cata no xacemento de San Tirso de Portocelo. O executivo local quere poñer en valor un sitio arqueolóxico singular, no que se atopa unha ermida, construída a partir das ruínas dun antigo mosteiro altomedieval, levantado á súa vez sobre un castro.
San Tirso de Portocelo foi fundado por Rodrigo, un diácono de Coímbra que fuxiu da cidade cando a invasión musulmana. Hoxe o que quedan son as ruías dunha igrexa do século XVII nunha punta sobre o mar.
Pero San Tirso garda moitos segredos. Toda a súa contorna está chea de historia e de lendas. Hai topónimos vinculados a castelos, o propio nome de Portocelo, que remite a súa orixe monacal e tamén dous illotes míticos, o da Barca e o de Ansarón. No primeiro di a tradición que é a barca de pedra na que chegou San Tirso. O outro, o de Ansarón, era o fogar dun conde que viña, segundo a lenda, á misa a San Tirso.
Pero o máis extraordinario deste antigo mosteiro é a súa ubicación. Está nun antigo castro que pecha varias penínsulas e que ten uns foxos descomunais para a súa época. E aí foi onde os monxes decidiron construír a súa igrexa, moitos anos antes da chegada dos normandos que pasaron e asolaron estas costas e aos que, de seguro, lles custou penetrar nesta pequena fortaleza.
De feito, as escavacións que se farán en San Tirso serán na zona dos foxos. Polo momento, o concello quere respetar o espazo relixioso. De feito, ao carón da igrexa aínda se conserva un vello cemiterio no que están enterrados os familiares dos habitantes da aldea. Máis información no Xornal da Mariña.