Muíños abandonados no río Daión, en Soutomaior, que o concello quere expropiar / Remitida polo concello

Soutomaior baralla expropiar oito muíños para crear un gran conxunto etnográfico

Tempo de lectura: < 1 min.

O Concello de Soutomaior propúxose recuperar o seu patrimonio etnográfico para aproveitalo como un recurso turístico. Por iso, o goberno local acaba de dirixir unha consulta á Deputación de Pontevedra para determinar se existe a posibilidade de expropiar un total de oito muíños tradicionais en estado de abandono para construír un conxunto etnográfico.

O procedemento”, indicou o alcalde en funcións, Ramón Fernández, “é complexo e o normal é que sola levar varios anos”. “Canto antes o iniciemos, antes terminará e poderemos recuperar tanto os muíños como a contorna para darlles o valor que merecen”, sinalou o edil.

Unha vez adquirida a titularidade dos inmobles, a intención do goberno local é, ademais da restauración dos muíños, a recuperación total da contorna para o seu aproveitamento como espazo público e a posta en valor do mesmo mediante paneis informativos sobre a flora e fauna local.

“Desta maneira, ademais de recuperar os muíños para aproveitalos como recurso turístico garántese a supervivencia destes tradicionais centros de traballo ao converterse en patrimonio municipal”, destaca o concello nun comunicado. Así, unha vez recuperados, en función do tamaño de cada muíño, poderanse adaptar para diversos usos ao servizo dos veciños.

Este municipio está a levar a cabo desde hai varios anos un plan para a recuperación do seu patrimonio histórico e, tras a restauración da ponte medieval de Comboa e numerosas fontes e lavadoiros, agora está decidido a abordar a recuperación dos muíños situados no río Daión, o último afluente do rio Verdugo antes da súa desembocadura. En pouco máis de 400 metros, o conxunto etnográfico do Daión conta con oito muíños de moa tradicionais que na actualidade atópanse en ruínas.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: