fbpx
Taramundi / foto taramundi.es

Taramundi, como crear un modelo de turismo rural ás portas de Galicia sen depender dos peregrinos

Tempo de lectura: 3 min.

Unha pequena vila de apenas 700 habitantes coñecida en toda España. Taramundi é un dos pobos de Asturias que ten por singularidade ser un dos pioneiros do turismo rural e ó mesmo tempo un dos grandes exemplos de recuperación dunha vila tradicional desenvolvida dende o turismo. Taramundi, a apenas uns quilómetros da fronteira de Lugo,nos vales do Turia e do Eo, é un verdadeiro exemplo para moitos pobos do norte de España e de Galicia de como conservar a historia e proxectarse no futuro.

Pioneiros do Turismo Rural

Taramundi é unha vila eminentemente rural, perdida nas montañas occidentais de Asturias. Mais é un lugar no que algo máis de unha de cada catro persoas traballan no sector servizos. Isto é, ante todo, gracias a este tipo de turismo. Xa que Taramundi foi unha das localidades pioneiras durante década de 1980, comezando tan so coa apertura dun hotel rural, ó que co paso do tempo se lle foron engadindo outros aloxamentos.

Taramundi / foto taramundi.es

Foi nas dependencias da súa casa reitoral que foi convertida en 1984 nun dos primeiros hoteis rurais do Estado. Para a construción desta estrutura tiveron que traballar xuntos, o Goberno do Principado, o Concello de Taramundi e un grupo pioneiro de veciños enfocados a levantar a actividade económica da vila xa daquela en declive. A partires dese momento na localidade se comezaron a abrir museos e a recuperar conxuntos etnográficos, ata converter a vila nunha das localidades con maior densidade de espazos visitables por habitante.

O coidado do entorno e o papel da artesanía

A recuperación tamén estivo ligada ó coidado do entorno, un espazo rural e natural en boa medida privilexiado, bañado por ríos e regatos e as antas das montañas que o rodean. Pero tamén a tradición e a historia, xa que a razón do éxito de Taramundi foi non mudar o seu xeito de vida tradicional e as súas industrias básicas.

Taramundi / foto taramundi.es

É por isto que Taramundi é coñecida pola súa artesanía, e en concreto polas navallas de Taramundi, que tamén  discorreron por séculos coma unha icona pola xeografía galega. A ferrería de Taramundi, como en moitas comarcas da montaña de León, Galicia e Asturias, ten unha antigüidade excepcional. Aínda que seguramente moito máis antiga, en Taramundi so está documentada dende o século XVIII, momento no que aparecen citados seis mazos de espalmar e fraguas no Catastro de Ensenada.

Dende aquela a ferrería foi unha das actividades principais de Taramundi, conservándose ata hoxe en día en numerosos obradoiros e en singulares conxuntos etnográficos como Teixois, Mazonovo ou Bres. Taramundi ten a honra de ser un dos lugares de Asturias declarado “Zona de Interés Artesanal”, contando co “Museo de la Cuchillería” de Pardiñas e coa singularidade de contar nas súas rúas coa navalla máis grande do mundo.

Taramundi / foto taramundi.es

A forza dos seus ríos

Mais non é este o único elemento da artesanía do que a vila vive. O coiro e as teas son outro deles. En Taramundi fabricáronse tapices, alfombras e tinxidos tradicionais. Tamén a artesanía do coira ligado habitualmente a fabricación de navallas e das súas fundas. Para isto Taramundi contou con diversos muíños batáns que fixeron posible estas industrias.

E é que a auga movida nos seus ríos foi para a vila un elemento esencial. A auga foi, e é aínda hoxe en día, a que serve para mover a ferrería, servindo en tempos para mover grandes mazos como os de Aguillón e Teixois. Muíños, martinetes, rodas de afiar e ata unha pequena central eléctrica eran todos movidos en Taramundi pola enerxía dos ríos. Elementos todos eles hoxe recuperados e amosados de xeito musealizado como sensacionais bens etnográficos.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...