fbpx
Castro da Atalaia, en San Cibrao, destrozado por unha urbanización / vieiros
Castro da Atalaia, en San Cibrao, destrozado por unha urbanización / vieiros

A Xunta paraliza as escavacións de urxencia para destinar o orzamento a pagar multas

Tempo de lectura: 2 min.

O orzamento reservado para escavacións arqueolóxicas de urxencia para o ano 2019 quedou conxelado. E o motivo non é outro que a utilización deses fondos para pagar case tres millóns de euros en multas impostas á Dirección Xeral de Patrimonio tras paralizar a construción de varias urbanizacións para evitar a destrución de bens patrimoniais.

Isto significa que ao longo deste curso non se realizarán escavacións que non entren dentro das proxectadas no exercicio e cuxos xacementos fosen descubertos a partir da realización de obras ou outras incidencias, como é o caso da sauna castrexa da Atalaia, desvelada por unhas actuacións de saneamento e que a Consellería de Cultura decidiu tapar mesmo cando o arqueólogo que dirixiu a cata admitiu que a prospección “é insuficiente” para coñecer o valor do achado.

E como é posible isto?. Pois porque a Xunta decidiu paralizar varias obras en xacementos que, a pesar de avisos de entidades de defensa do Patrimonio, ou non estaban catalogados ou estaban mal catalogados. E, tras anos de xuízos, a Xustiza deulle a razón ás construtoras.

Castro da Atalaia, en Cervo, afectado por unha construción ilegal a medio facer / Umberto P. Pool – Mariña Patrimonio

Urbanizacións en San Cibrao e Vigo

Así, a Xunta de Galicia deberá indemnizar a Promociones San CipriánS. L., cun total de 1,7 millóns de euros pola “redución do aproveitamento urbanístico” sufrido no ano 2007 relativo a dous solares situados na rúa do Faro de San Cibrao, nos que se planificou a construción dunhas 60 vivendas. As obras da promotora nunha terceira parcela lindante descubriron restos arqueolóxicos dun castro, o da Atalaia, documentado por primeira vez en 2004 e que segundo admitiu Patrimonio quedou danado polas actuacións.

Segundo puido saber o Xornal da Mariña, a Consellería de Cultura xa aboou, no 2018, un primeiro pago de 300.000 euros, e terá que afrontar segundo de 1,4 millóns nesta anualidade.

Tamén o executivo autonómico deberá tamén neste curso, xunto co Concello de Vigo, sufragar outra indemnización de alomenos medio millón de euros por mor dun pleito interposto por unha promotora viguesa. Trátase de Inversiones Playamar, prexudicada segundo o Tribunal Supremo pola suspensión durante doce anos dunhas obras de construción dun edificio de cinco plantas para 25 vivendas e garaxes na rúa Marqués de Valladares, logo de que aparecese un xacemento arqueolóxico. Toda a información no Xornal da Mariña.

Pode que che interese...