Así é a espectacular paisaxe da noite galega
Moito antes que os castros, que os petroglifos ou os dolmens, Galicia tiña outro patrimonio, o máis antigo, e que tamén estamos día a día a perder, a nosa noite. A noite galega segue a ser espectacular e segue a ter unha carga simbólica excepcional para a nosa cultura, así como unha excepcional influencia para a nosa historia. Así o saben os fotógrafos Daniel Llamas e Daniel Lois que dende fai tempo traballan fotografando o noso ceo.
E é que o noso ceo non so foi inspirador para a cultura tradicional senón que coa Vía Láctea, o camiño do ceo, tamén coñecido como Camiño de Santiago, forxouse gran parte da nosa historia. A Vía Láctea ou o Camiño de Santiago foi dende tempos inmemoriais un referente e un sinal para os peregrinos que camiñaban cara Compostela e ata os confíns do occidente.

“Contemplando o fogar” fotografía do faro Fisterra / foto daniel-llamas.es
Reivindicar a protección da visibilidade do noso firmamento e por en valor a súa importancia, como o “noso máis antigo patrimonio”, son os dous grandes obxectivos de Daniel Llamas e Daniel Lois. Fano ata o vindeiro 26 de setembro na mostra Vía Láctea, guía de peregrinos a Galicia, que pode visitarse de balde no compostelán Pazo de Fonseca.
Llamas e Lois son dous fotógrafos capaces de retratar este patrimonio a través de fotografía de longas exposicións, creando imaxes de especial atractivo, galardoadas nacional e internacionalmente. A mostra, con máis de corenta láminas de gran formato, amosa a paisaxe astronómica de lugares sobranceiros de Galicia, como Fisterra ou a Praia das Catedrais lucindo baixo o noso firmamento nocturno.

Punta Nariga / foto daniel-llamas.es