fbpx
Arredores da Muralla / foto Íñigo M. Riobó

Así se está a perder a arquitectura que rodea a muralla de Lugo

Tempo de lectura: 3 min.

Un esqueleto de aceiro de cinco andares ó pé da muralla Patrimonio Mundial. Este é o aspecto que dende fai preto dunha década presenta a en tempos chamada Casa de Pita, na zona nordeste da Ronda da Muralla. A casa era unha desas pequenas xoias do eclecticismo de influencia francesa que se erguía no casco histórico de Lugo, cando este chegaba dende a propia muralla o pé da estación de ferrocarrís.

Toda unha serie de pequenas vivendas, construídas en granito todas elas de entre o segundo terzo do século XIX e a primeira metade do XX, con formas que apelaban a tradición construtiva de Galicia. Pequenas vivendas unifamiliares entre medianeiras de non máis de catro andares incluíndo chan, un ou dous sobrados e faiado. Así era ata non fai tanto o entorno da muralla de Lugo e as súas radiais, xa que a comezos deste século aínda se conservaba en boa medida esta estrutura urbana.

Números 46-49 da Rolda da Muralla en Lugo

Mais hoxe xa non é o aspecto que presenta. Pois se hoxe nos achegamos á muralla o que único que podemos ver no seu perímetro son tan so edificios de vivendas en altura, conservando como único recordo do seu pasado a presencia de pedra na súa fachada. Son, porén, segundo o Plan de Reforma Urbana, vivendas en rehabilitación, ou, no seu defecto, edificios con protección ambiental, moi lonxe do que, segundo os expertos, en calquera casco histórico europeo se coñece como tal.

Unha “rehabilitación” que engade 5 andares

A última destas pezas será o desta vivenda, situada no número 49 da Ronda. A obra, con licencia concedida en 2003, estivo paralizada pola crise da construción entre o ano 2008 e 2019. Despois de 11 anos parada a obra, da caducidade da licencia, e tralo paso polas mans de varias construtoras, o Concello deu agora luz verde de nova á construción tal e como fora plantexada no ano 2006, máis de 13 anos atrás.

Lugo casas tradicionais en ruínas / foto Íñigo M. Riobó

Tal e como foi concedida a licencia, o proxecto contempla tres andares de sotos, destinados a aparcadoiro, un andar adicado a locais e cinco andares máis adicados a vivenda. Un total de nove andares para unha casa que na súa orixe non contaba con máis de catro. O orzamento que se estima para a obra é de 1,2 millóns de euros e o prazo de construción é de dous anos máis. A obra será promovida pola empresa Viravolta S.L.

Mais esta enorme obra non se limita ó número 49, senón que para desenvolver o proxecto cóntase tamén cos números 2 e 4 da perpendicular rúa de Pastor Díaz. Pola súa banda o edificio número 48 da ronda, contiguo á Casa de Pita, acaba de recibir tamén licencia de rehabilitación, co que finamente este espazo da cidade, preto da Porta da Estación, mudará tamén nos próximos anos a súa imaxe.

Un PEPRI polémico

A Casa de Pita, que se remonta a comezos do século XX, era, porén, a comezos deste século, como tantos, un inmoble en ruínas. Estivo de feito apuntalado e en risco de derrube, ata que no ano 2003 se concedeu a licencia para a reforma do inmoble. Mais co desenvolvemento da obra a polémica chegou, xa que o PEPRI lle permitía engadir varios andares a arquitectura existente, conservando so as súas fachadas.

Lugo entorno da Muralla / foto Íñigo M. Riobó

É este o mesmo caso que atopamos en todo o perímetro da muralla romana, así como no interior da cidade intramuros, no que é casco histórico declarado BIC. As ordenanzas a través do Plan establecen varios niveis de protección, dende a protección ambiental para obra nova, como a posibilidade de baleirar os interiores e de engadir un andar no caso das rehabilitacións de vivendas particulares, o que dá lugar de feito a edificios de nova planta.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...