Costa de Ribadeo, na que hai numerosos castros / Manuel Miranda

Xa vos podedes apuntar na 3ª edición de RUTAS DE HISTORIA con andainas marítimas e nocturnas

Tempo de lectura: 3 min.

Coñecer, amar, valorar e protexer a historia de Galicia. Ese é o principal obxectivo de RUTAS DE HISTORIA, un proxecto patrimonial impulsado por este portal web www.historiadegalicia.gal que este 2019 celebra xa as súa 3ª edición.

Coa idea de recuperar ese patrimonio oculto que atesoura Galicia, o proxecto de turismo histórico Rutas de Historia quere levar este outono aos participantes a coñecer as terras da desembocadura do Ulla e as comarcas do Val da Maía, Caldas, a Mariña lucense, Ferrolterra, Betanzos ou Viana. Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia. Desde a súa posta en marcha, en 2016, case 2.000 persoas teñen participado nas distintas andainas programadas.

Esta terceira edición de outono conta con oito roteiros polas catro provincias galegas que se celebrarán durante as fins de semana de setembro, outubro e novembro, e, como novidade, inclúen a realización dunha andaina nocturna e doutra marítima. Estes oito roteiros históricos complementan aos dous celebrados durante esta primavera en Lugo e en San Xoán de Ríos, na Terra de Trives. Podes coñecelos en www.rutasdehistoria.gal

Castelo de Pantigoso, ao fondo, rodeado pola neve / Miguel Losada

Andainas durante tres meses

As andainas de outono comezarán a vindeira fin de semana, cun roteiro en Coirós o 14 de setembro e en Ferrol, o 15, e finalizarán o vindeiro 16 de novembro, Día Mundial do Patrimonio, cun roteiro sorpresa do que se dará conta nas vindeiras semanas. Así, as andainas serán as seguintes:

  • 14 de setembro (Coirós, A Coruña). Camiñando entre deusas e santas: A Pena Furada e Santa Mariña de Lesa
  • 15 de setembro (Ferrol, A Coruña). Ferrol rebelde: Un paseo por 100 anos de historia obreira. Haberá un pequeno paseo pola ría de Ferrol en barco.
  • 28 de setembro (Ribadeo-Barreiros, Lugo). Os castros que lindan con Irlanda…mar por medio
  • 5 de outubro (Teo, A Coruña). Labirintos milenarios na noite dos petróglifos. Trátase dun roteiro nocturno.
  • 19 de outubro ( Cuntis, Pontevedra). As augas sagradas de Cuntis
  • 20 de outubro ( Dodro, A Coruña). Pensa Nao: A fusión da literatura e da historia
  • 26 de outubro ( A Mezquita, Ourense). Cidades prehistóricas de Galicia: O castelo de Santigoso
  • 16 de novembro. Roteiro sorpresa no Día Mundial do Patrimonio

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), o Colectivo A Rula ou a Asociación Cultural Roxín Roxal. Tamén conta, nesta 3ª edición, coa colaboración do Concello de Dodro.

Unha gran onda do mar Cantábrico batendo na costa / Manuel Miranda

Arqueólogos, divulgadores, investigadores ou escritores

Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Héitor Picallo, investigador e divulgador; Marcos Abalde, da Asociación Cultural Roxín Roxal; Antón Malde, arqueólogo; Xoán Xosé Vicente, concelleiro de Cultura de Dodro; Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Carlos Otero, arqueólogo, así como varios investigadores de A Rula.

Os roteiros teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizados durante as mañás do sábado ou do domingo. Os guías explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. A maior parte delas serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto ( www.rutasdehistoria.com ou www.rutasdehistoria.gal) cunha antelación de 24 horas.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: